Medio Ambiente e Consello Regulador do Ribeiro cooperarán para informar aos viticultores das axudas fronte aos danos do xabaril

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e o presidente da entidade, Juan Casares, reuníronse esta mañá para analizar a problemática que está a ocasionar esta especie nas explotacións vitivinícolas da comarca ourensá

A Xunta duplicará en 2020 o importe das liñas de axudas para prever e paliar os danos causados pola fauna salvaxe sobre o sector agrícola e gandeiro

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2019

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida do Ribeiro colaborarán para difundir e informar aos titulares de explotacións vitivinícolas afectados polas incursións de xabarís sobre os distintos tipos de axudas que ofrece a Xunta co fin de prever e paliar estes danos. Así o acordaron esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e o presidente do Consello Regulador, Juan Casares, que mantiveron unha xuntanza para falar da preocupación que está a xerar entre os viticultores desta comarca ourensá, unha das maiores produtoras de viño de Galicia, os destrozos ocasionados pola presenza desta especie nas súas plantacións.

Neste sentido, do Campo explicoulle que os propietarios destas explotacións poden acceder ás dúas ordes de axudas que pon a Xunta a disposición do sector primario: unha delas para a prevención de danos ocasionados por certas especies de fauna salvaxe; e a outra, para paliar os danos que provocan as especies silvestres sobre os cultivos agrarios e as explotacións gandeiras. De feito, desde o ano 2016 as convocatorias de liñas de subvencións por danos ocasionados polo xabaril inclúen entre os potenciais beneficiarios aos viticultores, que poden acceder a elas nas mesmas condicións que o resto de agricultores.

Precisamente e en resposta á problemática social crecente entorno ao xabaril, a directora xeral avanzoulle que o próximo ano os orzamentos da Consellería reservarán preto de tres millóns de euros ás axudas para paliar e prever os danos da fauna salvaxe, duplicando deste xeito a partida destinada en 2019.

Así, trasladoulle que o seu departamento xa está a traballar na redacción das dúas novas ordes co fin de convocalas o antes posible, comprometéndose a informar ao sector tan pronto se publiquen, e incidiu no papel efectivo e disuasorio que podería ter neste tipo de cultivos a instalación de pastores eléctricos, unha das medidas preventivas subvencionables pola Xunta.

Cómpre lembrar que esta especie cinexética orixinou en 2018 máis de 1.600 chamadas ao 012 por avisos de danos sobre cultivos e explotacións. Precisamente por iso, a directora xeral explicoulle que o Goberno galego é consciente do problema e segue a dar pasos importantes para buscar solucións efectivas fronte á sobre abundancia de xabarís detectada.

Neste sentido, Belén do Campo referiuse aos últimos cambios introducidos na resolución anual de vedas que regula a tempada de caza na comunidade.
A este respecto, explicoulle que desde a publicación no DOG en outubro desta modificación, en todos os concellos galegos as autorizacións de caza por danos se realizan xa de xeito inmediato, co fin de garantir unha solución rápida e eficaz á situación que está a provocar esta especie. Así, requirirase unicamente unha comunicación previa á xefatura territorial correspondente, efectuada cunha antelación mínima de 10 días naturais, o que supón unha importante axilización dos trámites necesarios para poder levar a cabo estas accións.

Por último e con relación ao procedemento para solicitar as axudas por danos causados polo xabaril, do Campo insistiulle ao presidente do Consello Regulador do Ribeiro na necesidade de que os viticultores avisen dos ataques sufridos, sempre e en primeira instancia, a través do teléfono 012, para tramitar a continuación a súa solicitude na correspondente Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, mediante un procedemento sinxelo. Neste sentido, reiterou a disposición da Consellería a asesorar e resolver todas as dúbidas que poidan ter os viticultores do Ribeiro para poder acceder a este tipo de subvencións.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/11/2019