Conde defende que o espírito emprendedor é a base para contar cunha Galicia competitiva, xeradora de riqueza e de emprego de calidade

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu esta tarde en Lugo á entrega dos VI Premios AJE Lugo

Galicia apoia o emprendemento a través das medidas da Lei de implantación empresarial, da rede de aceleradoras e coa súa oferta de servizos, espazos de traballo, medios técnicos e de financiamento

Lugo, 14 de novembro de 2019

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu esta tarde en Lugo á entrega dos VI Premios AJE Lugo, onde destacou que o espírito emprendedor é a base para contar cunha Galicia máis competitiva, xeradora de riqueza e de emprego de calidade, polo que animou aos asistentes a contaxiar con esta filosofía a todo o tecido empresarial da provincia.

Nos primeiros dez meses do ano, Lugo leva creadas un total de 308 empresas, o que permite alcanzar as 1200 no que vai de lexislatura cun capital próximo aos 60M€. Conde explicou que Lugo conta con todos os elementos para consolidar o seu crecemento empresarial: un tecido experimentado; potencial para despuntar nun novo sector estratéxico como o dos avións non tripulados, a través do Polo aeroespacial de Galicia, en Rozas; a forza dos emprendedores e o apoio da Administración galega.

Neste sentido, Galicia conta coa Lei de implantación empresarial que facilita a tramitación e o investimento; apoio integral aos emprendedores ofrecendo servizos, espazos de traballo, medios técnicos e financiamento; así como unha rede de aceleradoras entre as que se atopan a BFAero ou os coworkings de Mondoñedo e Monforte de Lemos aos que se acaba de sumar o de Palas de Rei.

Conde finalizou apelando á colaboración e poñendo en valor o importante papel dos emprendedores e empresarios galegos á hora de axudar a construír unha Galicia máis preparada, máis innovadora e máis verde coa que apuntalar o futuro da Comunidade.

Data de actualización: 14/11/2019