O Diario Oficial de Galicia publica a toma de posesión da zona de concentración parcelaria de Castelaus, en Calvos de Randín

Deste xeito, os propietarios poderán facer uso dos novos predios adxudicados a partir do vindeiro 7 de xaneiro de 2020

Este é o último paso antes da firmeza do acordo que permite pechar administrativamente esta reestruturación da terra

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2019

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da Consellería do Medio Rural polo que se anuncia a toma de posesión provisional dos novos predios na zona de concentración parcelaria de Castelaus, no concello ourensán de Calvos de Randín. Este é o último paso antes de chegar á firmeza do acordo, momento no que se considera pechada administrativamente a reestruturación parcelaria.

Así, os propietarios poderán facer uso das novas parcelas resultantes deste proceso de reorganización do territorio a partir do día 7 de xaneiro de 2020, isto inclúe os terreos de prado, pasteiro, labradío sen colleita e monte. Para os restantes terreos, será no momento da colleita e, no caso de que se pretenda retirar arborado, deberá contarse co preceptivo permiso do Servizo de Montes e facelo antes do 7 de abril de 2020.

O prazo para presentar alegacións a esta nova distribución comezará no prazo de dous meses, contados a partir do seguinte á data establecida para a posta a disposición dos predios. Esta reclamación sobre diferenzas de superficie farase á Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural en Ourense.

A zona de concentración parcelaria de Castelaus reestrutura unha superficie de 631 hectáreas, divididas en 10.897 parcelas de 424 propietarios. Tras o proceso de reorganización, o número de predios reduciuse a 1.436. Dentro desta parcelaria destacan os aproveitamentos forestais e agrícolas, onde cobra certa relevancia o cultivo de cereal, pasteiros e outros cultivos.

O anuncio pódese consultar na seguinte ligazón:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20191115/AnuncioG0426-051119-0002_gl.html

Data de actualización: 15/11/2019