Os directores xerais de Planificación e Ordenación Forestal e de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias responderon a varias preguntas na Comisión 7ª
A Xunta reforzará no 2020 a loita contra a avespiña do castiñeiro coa solta doutros 1,6 millóns do parasito torymus

O resultado destas soltas confirma que o parasito se está asentando nos soutos de castiñeiros de Galicia, demostrando a súa efectividade

José Balseiros explicou que a Consellería mantivo na convocatoria da PAC 2019 as excepcións ás normas de condicionalidade de aplicación de xurros e esterco

Sobre as medidas adoptadas ante a peste porcina, a Consellería do Medio Rural reforzou o plan estratéxico de bioseguridade en explotacións deste sector

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2019

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luís Chan, adiantou esta mañá na Comisión 7ª do Parlamento que a Consellería do Medio Rural reforzará a loita contra a avespiña do castiñeiro coa solta doutros 1,6 millóns do parasito Torymus sinensis en toda Galicia. Unha petición realizada xa ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ante os bos resultados acadados con esta loita biolóxica, iniciada xa no ano 2015.

Así, José Luís Chan explicou que desde que se comezara con estas soltas experimentais do Torymus, na nosa comunidade liberáronse máis de 2,5 millóns destes individuos para parasitar os ovos da avespiña, posto que arestora é dos poucos métodos existentes para loitar contra este organismo. Isto conlevou, subliñou o director, un orzamento de máis de 3 millóns de euros só nos dous últimos exercicios (2018 e 2019), sendo o gasto previsto para o vindeiro ano doutros 2,1 millóns de euros.

O resultado destas soltas, indicou o director xeral, confirmou que o parasito se está asentando nos soutos de castiñeiros de Galicia e, polo tanto, demóstrase a efectividade desta medida para loitar contra os danos ocasionados pola avespiña do castiñeiro (Dryocosmus Kuryphilus), que está sendo un referente noutras comunidades autónomas e, incluso, noutros países.

Neste senso, o responsable da sanidade forestal na nosa comunidade indicou que este ano se liberaron case 1,6 millóns de parasitos, dos cales o 43% foi na provincia de Ourense, o 38% na de Lugo, o 12% na da Coruña e un 7% en Pontevedra. En calquera caso, matizou, os puntos de solta distribuíronse por todos os distritos forestais de Galicia para cubrir a totalidade do territorio. Ademais, destacou que catro empresas galegas foron autorizadas para a produción de Torymus (ata o de agora só Italia o facía).


Excepcións na aplicación de xurros

Pola súa parte, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, explicou en sede parlamentaria que a Consellería mantivo na convocatoria da PAC 2019 as excepcións ás normas de condicionalidade de aplicación de xurros e esterco.

Cómpre sinalar que a Xunta levou a cabo esta excepción logo de comprobar que na nosa comunidade a maioría das cisternas empregaban sistemas de prato ou abano e que, ante a escasa oferta e capacidade de subministración da maquinaria precisa para realizar correctamente estes vertidos, ía ser imposible aplicar de forma inmediata e xeneralizada o Real Decreto de Boas Condicións Agrarias e Medioambientais. Así, o director xeral explicou que ademais de manter esta excepcionalidade, a Consellería do Medio Rural traballa neste asunto dende outros puntos de vista, co fin de asegurar un uso correcto destes fertilizantes acorde ás necesidades dos cultivos e asegurando o respecto ao medio ambiente, á auga e á terra.

Nesta liña, José Balseiros indicou que a través da orde de axudas de plans de mellora se subvenciona a compra de cisternas que teñan sistemas de aplicación adecuados (inxector ou depositario). Ademais, sinalou, a Consellería está preparando unha nova lei de recuperación e posta en valor da terra agraria, coa que se pretende recuperar e poñer en valor terreos abandonados mediante diversos mecanismos; así como unha nova Lei reguladora do sistema integrado para a xestión das dexeccións gandeiras xeradas en Galicia, que impulsará a creación de plantas industriais de tratamento, ubicadas fundamentalmente nas zonas con máis carga gandeira.

Medidas fronte a peste porcina africana

Noutra orde de cousas, José Balseiros tamén explicou na Comisión 7ª as medidas adoptadas polo Goberno galego ante a peste porcina africana. Neste senso, o director xeral de Gandaría salientou que a Consellería do Medio Rural reforzou o plan estratéxico de bioseguridade en explotacións deste sector produtivo desde outubro do pasado ano, data na que se notificou por primeira vez un caso desta enfermidade nun xabaril en Bélxica. Ademais das enquisas de bioseguridade realizadas na totalidade das granxas porcinas galegas, a Xunta está revisando o rexistro de explotacións de autoconsumo e visitando todas aquelas granxas en situación rexistral de alta para proporcionarlle aos seus titulares un documento informativo sobre a prevención desta enfermidade.

O director xeral explicou que os esforzos e recursos da Consellería están concentrados fundamentalmente dentro do Programa de vixilancia sanitaria do gando porcino. Así, indicou que se reforzou a mostraxe seriolóxica periódica dunha mostra representativa de explotacións porcinas, así como a vixilancia en movementos procedentes doutros países considerados de risco. Tamén se reforzou o control das condicións de limpeza e desinfección de vehículos de transporte de gando, a vixilancia nos matadoiros e nas poboacións de xabaríns. Finalmente, José Balseiros reiterou que se informou ao sector con folletos, encontros divulgativos e xornadas sobre as posibles consecuencias desta enfermidade para este sector produtivo, á vez que se lles explicaron as medidas tomadas para vixiar que a doenza non afecte ao gando porcino galego.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/11/2019