O director xeral de Desenvolvemento Rural participou esta mañá nunha mesa redonda no marco do Seminario sobre políticas innovadoras de dinamización rural en Galicia
A Xunta destaca a importancia de lograr un desenvolvemento integral do agro para facelo atractivo e con oportunidades

Miguel Pérez Dubois puxo en valor a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, que impulsará figuras que buscan mellorar a calidade de vida dos habitantes do rural á vez que o dinamizan

A Coruña, 15 de novembro de 2019-

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, participou esta mañá na mesa redonda “A sociedade civil e a rexeneración rural”, no marco do Seminario sobre políticas innovadoras de dinamización rural en Galicia que organiza a Universidade de Coruña.

Alí destacou que é fundamental lograr un desenvolvemento integral do agro para acadar un rural “vivo, dinámico e sostible”, no que se dean oportunidades para poder vivir nel e tamén del. Por iso, a Consellería está traballando con diferentes instrumentos para conseguir que o rural de Galicia sexa un lugar atractivo para a xente moza, para as persoas emprendedoras e para a xente maior.

Nesta liña, puxo en valor a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, na que traballa a Xunta e o Grupo Parlamentario Popular e que entrará no Parlamento este mes, que precisamente impulsa figuras que buscan mellorar a calidade de vida dos habitantes do agro á vez que dinamizan o rural. Así, coa posta en marcha desta norma fomentaranse os polígonos agroforestais, as aldeas modelo ou os instrumentos de xestión conxunta, entre outras. “Son ferramentas que nos permitirán ter un agro con oportunidades de futuro, de traballo e de calidade de vida”, matizou o director xeral.

Durante a súa intervención, Pérez Dubois sinalou que o obxectivo último desta lei é fomentar a recuperación dos terreos e loitar contra o abandono, facilitando, entre outras actuacións, o contacto entre os interesados en poñer a producir os terreos e os seus propietarios. Para iso contemplaranse beneficios fiscais e outras medidas de fomento, procurando ao tempo mellorar a base territorial das explotacións, crear e manter emprego no rural e protexer o medio ambiente, especialmente no que atinxe á prevención dos incendios forestais.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/11/2019