Máis de 71.000 persoas participaron nas actividades de observación astronómica realizadas no Parque Nacional das Illas Atlánticas desde a súa declaración como destino 'Starlight' en 2016

As diferentes accións organizadas no marco deste programa, que busca protexer os ceos nocturnos a través de accións divulgativas e de fomento da práctica dun turismo sustentable, atraeron este ano a case 22.500 participantes

O Parque Nacional obtivo no ano 2016 a certificación ‘Starlight’, un selo avalado pola Unesco e que recoñece a calidade dos ceos deste espazo natural para a contemplación das estrelas e as visitas turísticas nocturnas

Este verán Cíes e Ons congregaron á cuarta parte dos 200 afeccionados que se inscribiron en todo o mundo no IV Maratón Fotográfico M-Starlight

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2019-

Preto de 22.500 persoas participaron este ano nalgunha das actividades, visitas guiadas e diferentes accións organizadas no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia no marco da iniciativa Starlight, un sistema de certificación turística a nivel mundial que busca a protección dos ceos nocturnos mellor preservados fronte á contaminación luminosa, ao tempo que potencia o turismo e o coñecemento arredor destes valores naturais.

Cómpre lembrar que o arquipélago das Illas Atlánticas foi declarado destino Starlight en 2016. Desde entón, máis de 71.000 persoas achegáronse ata el atraídas polo completo programa de actividades que busca difundir e promover o coñecemento das estrelas desde as illas e que dirixen entidades de divulgación astronómica como a Federación Galega de Astronomía e Radioastronomía, en estreita colaboración coa dirección do Parque Nacional.

Así, as 22.475 persoas que participaron nalgunha das accións de dinamización das zonas Starlight do parque entre o 1 de xullo e o 16 de setembro –período no que se concentra a programación todos os anos buscando as condicións meteorolóxicas máis propicias para este tipo de prácticas- supoñen unha cifra moi similar ás 23.662 persoas que o visitaron en 2018 polo mesmo motivo. Estas cifras revelan un notable incremento dos visitantes atraídos polo Starlight se se compara cos 9.740 contabilizados en 2016 ou cos 15.390 de 2017, o que significa que a participación se incrementou nun 130% en apenas catro anos.

Aínda que o groso das actividades en 2019 concentráronse nas Cíes, con 17.825 asistentes ao planetario e 1.200 rutas Starlight organizadas polo Cámping, outras illas do arquipélago tamén ofertaron distintos tipos de accións relacionadas coa observación astronómica. Cómpre subliñar, sobre todo, a gran afluencia a Ons, na que se contabilizaron este verán 3.450 visitantes ao seu planetario.

Terceira edición do Maratón Fotográfico Nocturno internacional

O outro fito destacado que albergou o Parque Nacional este ano en relación á observación astronómica foi o Maratón Fotográfico M-Starlight, un evento de carácter internacional e que ten por obxecto premiar as instantáneas que mellor capten a beleza e a singularidade dos ceos nocturnos, co fin de concienciar sobre a necesidade de protexer este tipo de paisaxes fronte á contaminación luminosa.


Na súa cuarta edición, o certame congregou, durante os días 29 e 30 de xuño, a máis de 200 fotógrafos afeccionados repartidos por unha trintena de enclaves Starlight de todo o mundo. No caso concreto do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, o concurso contou coa participación de medio cento de persoas, a cuarta parte de todas as inscritas.

O fallo do xurado acaba de facerse público e entre as instantáneas gañadoras do maratón de 2019 figura unha serie realizada desde a illa de Ons por Pilar da Cruz, que se levou o segundo dos accésit outorgados. O primeiro premio absoluto recaeu sobre Enrique Navarro, pola súa serie fotográfica sobre os ceos nocturnos doutro destino Starlight español: a illa de La Palma. Así mesmo, o xurado tamén quixo facer este ano unha mención especial a 10 traballos destacados que chamaron positivamente a súa atención. En concreto, catro destas instantáneas foron tomadas desde Ons.

Destino ‘Starlight’ avaliado polo Unesco

Os destinos turísticos Starlight, avaliados pola UNESCO e recoñecidos pola Fundación Starlight -entidade de ámbito internacional vinculada ao Instituto Astrofísico de Canarias-, son lugares visitables que gozan de excelentes calidades para contemplar os ceos estrelados e que, ao estar protexidos da contaminación luminosa, son especialmente aptos para actividades turísticas desenvolvidas arredor deste recurso natural.

O Sistema de Certificación Turística Starlight creouse co obxectivo de fomentar a mellora da calidade das visitas e a protección dos ceos nocturnos nunha serie de espazos seleccionados polas súas excepcionais condicións. Neste sentido, coa concesión deste selo búscase axuntar ciencia e turismo a través da astronomía e da visión do firmamento como ferramentas para fomentar unha nova forma de turismo intelixente.

Cómpre subliñar que este tipo de turismo astronómico sostible perfílase cada vez máis como un importante elemento da actividade socioeconómica e cultural do parque nacional e dos concellos da súa área de influencia. De aí a firme aposta que se ten feito nos últimos anos no marco do Starlight co fin de promover e dar a coñecer o potencial turístico das Illas Atlánticas a través da observación dos seus ceos nocturnos. Así mesmo, o único parque nacional co que conta Galicia tamén recibiu a finais de 2015 a Carta Europea de Turismo Sustentable (CETS) en recoñecemento ao seu compromiso activo co desenvolvemento dunha actividade turística respectuosa e de calidade.

Achegar ao público en xeral a observación das estrelas e a divulgación sobre os seus valores, unha das claves das iniciativas Starlight, enmárcase tamén nos obxectivos da CETS, que busca mellorar a calidade da oferta turística do arquipélago, facéndoa compatible coa conservación dos seus valores naturais. Neste sentido, desde a dirección do parque estase a traballar tamén coas empresas que colaboran na Carta Europea para desenvolver produtos turísticos baseados na contemplación do ceo nocturno e as estrelas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/11/2019