O Sergas e o Concello de Caldas de Reis abordan a construción do novo centro de saúde

O conselleiro lembroulle ao alcalde á necesidade de que o concello poña a disposición do Sergas unha parcela que cumpra os requisitos necesarios para a construción

En canto a Administración sanitaria pública galega teña a súa disposición a parcela referida, poderá comezar coa licitación da obra de construción do centro de saúde
 

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2019

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña e o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey Rey, mantiveron unha xuntanza esta mañá para abordar a construción do novo centro de saúde. A dotación desta instalación sanitaria para o concello caldense é unha das prioridades do departamento que dirixe Almuiña.

No transcurso desta xuntanza, o conselleiro lembroulle ao alcalde á necesidade de que o concello poña a disposición do Sergas unha parcela que cumpra os requisitos necesarios para a construción do centro de saúde. O terreo deberá ter unha superficie edificable de alomenos 3.000 m2 para acoller o centro de saúde e o aparcadoiro en superficie. Deberá contar tamén cos accesos necesarios tanto para trafico rodado como para peóns para o acceso dende o núcleo urbano ata o centro de saúde.

A parcela deberá ser cedida gratuitamente polo concello de Caldas de Reis e estar libre de calquera tipo de cargas ou gravames. Unha vez que o Servizo Galego de Saúde teña o terreo requerido, poderíase licitar a obra para a construción do futuro centro de saúde.

En canto a Administración sanitaria pública galega teña a súa disposición a parcela referida, poderá comezar coa licitación da obra de construción do centro de saúde.

O Servizo Galego de Saúde ten planificada unha substancial mellora dos recursos de atención primaria en Caldas de Reis, que se refrendaría coa construción deste centro de saúde. Na actualidade, o concello de Caldas de Reis ten un total de 9.981 tarxetas sanitarias, das que1.619 serían de pediatría e 2.078 de maiores de 65 anos.
 

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 15/11/2019