O conselleiro do Medio Rural clausurou esta tarde na adega Regina Viarium, no concello de Sober, un workshop internacional sobre este selo de calidade
José González destaca que a colleita deste ano na Ribeira Sacra foi a mellor da historia desta denominación, con máis de 7,2 millóns de quilos de uva recollidos

Puxo en valor a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, cun orzamento de 750.000 euros, para potenciar e posicionar no mundo os viños galegos de calidade

A Consellería destina outros 916.000 euros nos traballos de actualización do Rexistro Vitícola de Galicia e 4,2 millóns de euros en dúas liñas de achegas específicas para o sector do viño
 

Sober (Lugo), 16 de novembro de 2019

O conselleiro do Medio Rural, José González, clausurou esta tarde no concello de Sober o workshop internacional “As paisaxes de socalcos. Olladas desde a Ribeira Sacra”, onde destacou que a colleita deste ano nesta denominación de orixe foi a mellor da súa historia, con máis de 7,2 millóns de quilos de uva recollidos, desde que existen cifras oficiais.

Uns datos, sinalou o conselleiro, que evidencian o bo ritmo de crecemento deste selo de calidade, que se posiciona no mercado e cuxo prestixio xa traspasa fronteiras. Neste senso, indicou que a colleita deste ano supuxo un incremento do 17,7% con respecto ao ano 2018 e un 24,5% por riba da media do período 2010-2019.

Neste sentido, o conselleiro felicitou aos máis de 2.300 viticultores que, ano tras ano, consolidan o peso deste selo no conxunto dos viños galegos con calidade diferenciada. “Porque nos cañóns do Sil combínase a arte de facer viño co coidado do territorio”, sinalou o conselleiro á vez que presumía de que esta zona, que é coñecida pola súa “viticultura heroica”, se propoña como Patrimonio da Humanidade.

Así, o titular de Medio Rural indicou que “falar hoxe do viño na Ribeira Sacra é falar dun motor económico e dinamizador do territorio”, polo que a combinación desta actividade económica tan importante na nosa economía e o turismo das zonas de produción converten a Galicia nun reclamo turístico.

Apoio ao sector

Por iso, e consciente desta oportunidade, a Xunta lanzou a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, cun orzamento de 750.000 euros, para potenciar e posicionar no mundo as cinco denominacións de orixe galegas e as catro indicacións xeográficas protexidas do viño. Deste xeito, abárcanse varios sectores que combinan á perfección para dinamizar estas áreas. Ademais, o conselleiro indicou que a esta partida hai que sumarlle outros 916.000 euros que destinarán para iniciar os traballos de actualización do Rexistro Vitícola de Galicia.

Deste xeito, o conselleiro deixou claro o apoio da Xunta no sector vinícola galego e a súa aposta por convertelo nun dos motores da economía galega. Finalmente, José González lembrou que para o vindeiro ano 2020, a Consellería destinará 4,2 millóns de euros en dúas liñas de axudas que se xestionarán especificamente para o apoio ao sector vitivinícola, unha para a mellora das instalacións de elaboración e comercialización e a outra para medidas de promoción en países terceiros.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/11/2019