A Xunta de Galicia formaliza o contrato para executar as obras de adecuación do complexo intermodal de Pontevedra

As actuacións deste complexo arrancarán nas vindeiras semanas co comezo do acondicionamento do edificio da terminal de autobuses

Estes traballos suporán unha reforma funcional, estética e de eficiencia enerxética, ao contemplar a renovación da fachada, da cuberta e dos seus interiores e a mellora dos sistemas de información

A Xunta ademais acometerá a adecuación do complexo intermodal para acadar unha intermodalidade real entre as estacións de autobuses e ferrocarril

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2019

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de formalizar o contrato para executar as obras de adecuación do complexo intermodal de Pontevedra. A empresa Extraco, Construccións e Proxectos é a adxudicataria desta actuación.

As obras deste complexo intermodal arrancarán nas vindeiras semanas co comezo do acondicionamento do edificio da terminal de autobuses.

Estes traballos suporán unha reforma funcional, estética e de eficiencia enerxética do edificio, ao incluír a renovación da fachada, da cuberta e dos seus interiores e a mellora das instalacións e dos sistemas de información.

A Xunta, a través desta reforma da estación de autobuses e da adecuación do complexo intermodal, busca acadar unha intermodalidade real entre esta terminal e a de ferrocarril.

A conexión entre estacións será máis sinxela e segura para os peóns grazas a un itinerario peonil que se complementará cunha reordenación urbana da fronte da estación, mellorando a seguridade viaria e recuperando un espazo público para os cidadáns.

O proxecto tamén inclúe a eliminación dos actuais accesos de autobuses, construíndo un novo enlace directo dende a rúa Josefina Arruti, onde se instalarán semáforos regulados a demanda e carrís de espera.

Ademais porase en valor a contorna do río Gafos, que se recuperará cun novo espazo para o desfrute cidadá mediante a rexeneración da área ao carón da estación de autobuses, destapándose o leito e construíndose unha pasarela de madeira que facilite o paseo.

Cómpre lembrar que estas actuacións están enmarcadas nun convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello de Pontevedra, que conta cun investimento superior aos 6 millóns de euros, dos que o Goberno galego achega o 75%, é dicir, máis de 4,6 millóns.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/11/2019