Manuel Rodríguez inaugurou esta tarde unha xornada formativa en San Sadurniño sobre o aproveitamento sustentable dos soutos
O director da Agacal pon en valor o plan de recuperación dos soutos tradicionais que impulsará actividade económica ligada ao territorio

A xornada está integrada no Plan de formación ao agro galego que desenvolve a Consellería a través da Agacal

Durante este mes vanse desenvolver outras accións deste tipo nos municipios de Laza (o 20), Folgoso do Courel (o 21), O Bolo (o 25) e Vilamartín de Valdeorras (o 26)

San Sadurniño (A Coruña), 15 de novembro de 2019

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, inaugurou esta tarde en San Sadurniño unha xornada formativa sobre o aproveitamento sustentable dos soutos. Alí, o director puxo en valor o Plan de recuperación dos soutos tradicionais que está elaborando a Consellería do Medio Rural co fin de impulsar actividade económica ligada ao territorio.

Neste senso, Manuel Rodríguez explicou aos asistentes que este plan desenvolverase a través de varias fases centradas na identificación e caracterización dos soutos e o impulso á transformación e comercialización das castañas, fomentando ao tempo fórmulas de tipo cooperativo ou asociativo que permitan o agrupamento dos seus propietarios para avanzar na xestión conxunta deste recurso.

Durante a súa intervención, o director destacou a realización deste tipo de xornadas, que neste caso foi en colaboración coa Indicación Xeográfica Protexida Castaña (IXP) de Galicia, para facilitarlle aos profesionais do agro interesados nesta cuestión unhas nocións básicas sobre a produción de castaña de maneira sostible, tanto desde o punto de vista económico como ambiental. “Somos líderes a nivel nacional na produción de castaña, polo que hai que fomentar o uso deste recurso económico entre as distintas oportunidades que nos ofrece o rural”, subliñou o director.

A xornada está integrada no Plan de formación ao agro galego que desenvolve a Consellería a través da Agacal e vanse a desenvolver outras accións deste tipo -no mes de novembro- nos municipios de Laza (o 20), Folgoso do Courel (o 21), O Bolo (o 25) e Vilamartín de Valdeorras (o 26).

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/11/2019