A Xunta apoia a participación do equipo galego Galimplant Team no Rally Dakar 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, participaron na presentación en Santiago do Galimplant Team, que conta co patrocinio de Galicia Calidade

Forman parte do equipo o piloto de motos monfortino Eduardo Iglesias e os lucenses Pedro Burgo e Marcos Burgo, na categoría de Side by side

O apoio a esta iniciativa contribúe a promocionar por todo o mundo a Comunidade Autónoma e o Xacobeo 2021

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2019

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, participaron esta tarde na presentación en Santiago do equipo Galimplant Team, que participará no Rally Dakar 2020 co apoio da Xunta.

Tal e como sinalou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria a iniciativa conta co patrocinio de Galicia Calidade, o que contribuirá a promocionar por todo o mundo a Comunidade Autónoma e o Xacobeo 2021. Conde apuntou que a marca Galicia Calidade, coa que contan máis de 125 empresas e máis de 400 produtos e servizos, representa unha forma distinta e galega de facer as cousas que se atopa tamén nos deportistas galegos como os membros do Galimplant Team.

O secretario xeral para o Deporte, pola súa banda, valorou aos beneficios que pode traer para o deporte galego que un novo equipo de Galicia como o Galimplant Team, representado polo motociclista monfortino Eduardo Iglesias e polo piloto e copiloto lucenses Pedro e Marcos Burgo- volva participar no Dakar e recordou algunhas das experiencias máis exitosas dos deportistas galegos no rally máis famoso do mundo como as de Tonecho Amor, José Luis López Rivas ou Fran Gómez Pallas.

A participación do equipo nas categorías de motos e Side by Side suporá volver poñer a Galicia no mapa deportivo mundial e que o deporte galego sexa divulgado a través do segundo acontecemento do mundo do deporte do motor con maior notoriedade cuberto por 70 cadeas de televisión e 1.900 xornalistas e cun seguimento de 11,4 millóns de visitas en internet e 2,8 millóns de interaccións nas redes sociais.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/11/2019