A Xunta destaca que a aceleradora ViaGalicia ten permitido poñer en marcha 68 empresas que están a xerar 340 empregos

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, asistiu hoxe en Lugo á inauguración da fase de Academia desta iniciativa na súa sede de Lugo

Un total de 13 proxectos -dos 33 seleccionados- recibirán en Lugo formación para mellorar as súas propostas de cara á seguinte etapa de Aceleración

A rede galega de aceleradoras xa apoiou, nos últimos cinco anos, preto de mil proxectos de emprendemento innovador

Lugo, 15 de novembro de 2019

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou hoxe en Lugo na inauguración da fase de Academia da aceleradora ViaGalicia na súa sede nesta cidade, onde destacou que esta iniciativa xa ten permitido a posta en marcha de 68 empresas que están a xerar 340 empregos e captando preto de 19M€ de financiamento.

A aceleradora, que cumpre a súa sexta edición e que está impulsada pola Xunta e por Zona Franca de Vigo, seleccionou un total de 33 proxectos dos que 20 recibirán formación en Vigo e os 13 restantes en Lugo. Esta fase de Academia ten como obxectivo mellorar as súas propostas mediante formación e sesións prácticas personalizadas para preparalos de cara á seguinte etapa de Aceleración. Dura preto de dous meses e posteriormente os proxectos seleccionados pasarán á fase de aceleración.

Entre os proxectos innovadores que forman parte da actual fase destacan iniciativas no eido das novas tecnoloxías, da moda e o téxtil, do deseño e a artesanía, da saúde, da enerxía renovable, da agroalimentación, do turismo e tamén do sector aeroespacial.

ViaGalicia forma parte de rede galega de aceleradoras, a través de StartIN Galicia, e enmárcase no compromiso da Xunta por apoiar e impulsar o emprendemento innovador, así como captar e reter o talento galego, co obxectivo de que ningunha boa idea quede esquecida nun caixón. Esta rede xa ten permitido, nos últimos cinco anos, apoiar preto de mil proxectos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/11/2019