Lete Lasa participa na entrega dos premios á xestión deportiva de AGAXEDE que representan "doce motivos para continuar traballando con ilusión neste sector tan importante para a nosa sociedade"

Valora a importancia capital da xestión deportiva e destaca que “todos sumamos nesta gran rede do deporte galego” porque “as nosas experiencias de xestión contribúen á mellora da organización e desenvolvemento das entidades deportivas galegas”

Santiago, 15 de novembro de 2019

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na entrega dos X Premios Galicia á Xestión Deportiva 2019 convocados pola Asociación Galega de Xestores Deportivos (AGAXEDE).

Os doce premios entregados no serán de hoxe na Cidade da Cultura foron o de mellor estudo ou innovación para ‘Modelo produtivo de baixas dun centro deportivo’; mellor actividade ou programa deportivo para Street Games Coruña; mellor patrocinio deportivo para Empresa Arenal; mellor concello de menos de 15.000 habitantes para o Concello de Curtis; mellor entidade privada para Invernalia Ice Park; mellor entidade pública para o Concello de Vigo; mellor xestión sostible no deporte para o club ‘As vellas non paramos’; mellor xestora deportiva pra Guadalupe Murillo Solís; e tres recoñecementos especiais ‘José Luis Salvador’ para o Grupo Jim Sports, Carlos Negreira Souto e a Empresa Xaniño. Respecto aos galardoados, o mandatario galego sinalou que son “doce persoas e entidades que cren cos ollos pechados no poder transformador do deporte, doce motivos para continuar traballando con ilusión neste sector tan importante para a nosa sociedade”.

Nas súas verbas, José Ramón valorou a importancia capital da xestión deportiva e destacou que “todos sumamos nesta gran rede do deporte galego” porque “as nosas experiencias de xestión contribúen á mellora da organización e desenvolvemento das entidades deportivas galegas”.

Tocante á figura do homenaxeado, José Luis Salvador, cuxo nome levan as tres distincións entregadas, o secretario xeral lembrou que, ademais de ser un dos pais fundadores de AGAXEDE xunto ao seu presidente Eduardo Blanco, foi un destacado promotor de accións de dinamización cultural e un “revolucionario da educación desde o xogo e o deporte”. “Galicia necesita a xente como José Luis, educadores e xestores que crean no deporte como esa ferramenta capaz de cambiar ao mundo”, concluíu.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/11/2019