Portos de Galicia avalía coa confraría de Carril as necesidades do sector da zona
Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2019

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, mantivo hoxe un encontro co patrón maior da confraría de Carril, José Luis Villanueva, e outros representantes do pósito para analizar as necesidades portuarias da zona.

Un dos temas tratados foi o proxecto de dragaxe das dúas dársenas de Carril, sobre o que Susana Lenguas informou que a tramitación xa está iniciada e en fase de recepción de informes de carácter ambiental. Unha vez superado o trámite ambiental iniciarase a redacción do proxecto e a súa licitación. En relación a estas dársenas o patrón maior da confraría trasladou a Susana Lenguas o seu interese na reordenación e mellora e quedou de remitir a Portos de Galicia para a súa valoración unha proposta. Tamén abordaron outras cuestións relacionadas co aparcamento de vehículos.

Outro dos asuntos tratados na xuntanza foi a lonxa sobre a que o patrón maior manifestou o interese da confraría en mellorala, ampliar a súa superficie e utilizar a parte superior como aula de formación e oficinas. Susana Lenguas manifestou a súa disposición a sentarse noutros encontros coa confraría para estudar detidamente estas peticións e analizar a súa viabilidade e as posibles solucións.

Non obstante, en relación a esta infraestrutura hai que lembrar que a confraría rexeitou en 2014 un proxecto de ampliación e reforma integral da lonxa proposto pola Xunta que contaba cun orzamento de 1,2 millóns de euros, o que provocou que os investimentos previstos quedasen sen executar.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 15/11/2019