A Xunta reivindica o compromiso da Agasp coa formación dos efectivos de emerxencias e da seguridade pública que traballan en Galicia

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, asistiu hoxe á inauguración do II Congreso Internacional de Criminalística Aplicada

O Goberno galego recoñece o labor das forzas e corpos de seguridade do Estado para garantir a seguridade dos cidadáns

A Estrada (Pontevedra), 15 de novembro de 2019

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, asistiu esta tarde á inauguración do II Congreso Internacional de Criminalística Aplicada que se celebra hoxe e mañá na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), á que calificou como punto de encontro, formación e actualización de coñecementos dos efectivos de emerxencias e das forzas e corpos e seguridade que traballan en Galicia.

No congreso, organizado polo Instituto Internacional de Criminalística Aplicada (Inica), abordarase a investigación criminal desde ámbito xurídico, estratéxico, policial, xornalístico e académico. A esta formación asistirán profesionais da Policía Autonómica, da Policía Nacional, da Garda Civil, dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), así como dos servizos municipais de Protección Civil e Emerxencias. Estes corpos de seguridade pública e de emerxencias reciben cursos de formación continua na AGASP para actualizar o seu aprendizaxe en materias que teñan aplicación directa no seu traballo.

No acto de hoxe recoñeceuse tamén a dedicación e a valía de dous policías nacionais galegos feridos en acto de servizo en Barcelona. Nesta liña, a Xunta destacou o importante labor que desempeñan cada día os efectivos que traballan por garantir a seguridade dos cidadáns, como é o caso dos axentes galegos que se desprazaron a Cataluña.

Santiago Villanueva destacou que a AGASP é un centro de formación de referencia que cada semana acolle a 400 profesionais. A través do convenio asinado en 2015 entre o Ministerio do Interior e a Vicepresidencia da Xunta para a colaboración na formación e actualización do persoal da Garda Civil e a Policía Nacional que traballa na comunidade, a AGASP pon á disposición as súas instalacións para distintas actividades formativas. Ademais, a Academia está a formar aos alumnos dos procesos de selección para optar a prazas para Policía Local centralizados pola Xunta.