O presidente do Goberno galego asistiu ao 40 aniversario de Fademga, onde aseverou que o seu labor “segue a ser tan indispensable hoxe como en 1979” e seguirá a contar co compromiso da Xunta
Feijóo: "A Galicia da vindeira década será un lugar máis amable e integrador para todas as persoas con discapacidade"

O orzamento para 2020 da Xunta destinado á atención á discapacidade alcanza os 115 M€, o máis alto da historia de Galicia, un 77% máis que en 2009

Afirma que Galicia converteuse na comunidade de referencia a nivel nacional na integración das persoas con discapacidade intelectual no emprego público

Salienta que nos últimos cinco anos, o número de persoas con discapacidade que están a traballar en Galicia creceu un 75%, cifra que contrasta co 22% de incremento da media nacional

No eido do apoio especializado na idade adulta, precisa que a Xunta está a financiar máis de 2.300 prazas públicas nos centros residenciais, de día e ocupacionais de Fademga, nos que inviste cada ano máis de 25 millóns de euros
 

Santiago de Compostela,16 de novembro de 2019

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aseverou hoxe que a Galicia da vindeira década será un lugar máis amable e integrador para todas as persoas con discapacidade: cunha sociedade civil cada vez máis concienciada, cunha rede de entidades viva e activa e cun Goberno galego que non debe dar nin un só paso atrás no seu compromiso pola plena inclusión. Cómpre salientar que o orzamento para 2020 da Xunta destinado á atención á discapacidade alcanza os 115 M€, o máis alto da historia de Galicia, e supón un 77% máis que en 2009.

“Seguiremos facendo camiño xuntos”, dixo, durante o acto de celebración do 40 aniversario de Fademga, subliñando que o Goberno galego estará ao carón das persoas con discapacidade e das súas familias desde os primeiros anos de vida, cunha rede de servizos de atención temperá que está a experimentar un crecemento exponencial; e na etapa educativa, a través dunha integración récord das persoas con discapacidade no ensino ordinario e da formación do profesorado, para que coñezan as súas necesidades específicas.

Así mesmo, destacou que ao rematar a escolarización, o compromiso da Xunta avanza a través dunha das ferramentas máis útiles para a plena inclusión como é o acceso ao emprego. Non en van, Galicia converteuse na comunidade de referencia a nivel nacional na integración das persoas con discapacidade intelectual no emprego público: cunhas oposicións pioneiras reservadas a estas galegas e galegos, que se celebraron en 2016 e que foron todo un éxito; despois, coa primeira convocatoria de emprego específica do Sergas, para cubrir 30 prazas de celador; proximamente, cunhas novas probas de acceso á Administración que se convocarán a principios do ano que vén; e coa elaboración dun protocolo para a inclusión sociolaboral das persoas con discapacidade intelectual no emprego público, na que se está a traballar xunto a Fademga e a outras comunidades.

Nesta mesma liña, recordou que este compromiso crecente por parte da sociedade galega non se restrinxe ao sector público, senón que tamén empapa a iniciativa privada, como proban os 40 millóns de euros que a Xunta destina anualmente a avanzar no emprego inclusivo.

“Nos últimos cinco anos, o número de persoas con discapacidade que están a traballar en Galicia creceu un 75%, cifra que contrasta co 22% de incremento da media nacional”, explicou, precisando que xa hai máis de 25.000 persoas con discapacidade que forman parte da poboación ocupada.

Por outra banda, e de cara ao apoio especializado na idade adulta, Feijóo salientou que a Xunta está a financiar máis de 2.300 prazas públicas nos centros residenciais, de día e ocupacionais de Fademga, nos que inviste cada ano máis de 25 millóns de euros.

Sobre este punto, trasladou o convencemento de que nos próximos anos seguirá reforzándose o vínculo que une á Xunta con esta federación xa que, se ben a Galicia de hoxe está moito máis cerca de acadar a plena igualdade de todos os galegos, teñan as capacidades que teñan, aínda quedan moitas barreiras que derrubar.

“O labor de Fademga segue a ser tan indispensable hoxe como en 1979”, dixo, garantindo que nese camiño contará co compromiso da Xunta, afrontando grandes retos pero tamén contribuíndo con xestos en aparencia pequenos, pero de gran importancia como: a instalación de pictogramas nas sedes da Xunta e nos hospitais públicos; o club de lectura fácil creado xunto a Fademga na Coruña; o programa de visitas aos centros de saúde, para formar aos profesionais da atención primaria nas necesidades da discapacidade intelectual; ou o proxecto piloto de adaptación de sentenzas xudiciais á lectura fácil que se está a desenvolver nun xulgado de Santiago.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/11/2019