Medio Ambiente organiza un amplo programa de actividades de concienciación pola Semana Europea da Prevención de Residuos

O obxectivo desta iniciativa, promovida polas instancias comunitarias, é incrementar a educación e a comunicación en materia de xestión de residuos

As primeiras accións comezaron esta fin de semana e organizaranse desde hoxe e ata o venres charlas, talleres e iniciativas novidosas dirixidas á cidadanía en xeral e ás novas xeracións en particular, cunha forte presenza en centros escolares
 

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2019-

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está a desenvolver un programa especial de actividades de concienciación con motivo da Semana Europea da Prevención de Residuos, que terá lugar entre os días 16 e 24 de novembro. Numerosos centros escolares e municipios de Galicia serán os escenarios nos que terán lugar as actuacións previstas, encamiñadas sobre todo a promover a educación ambiental e pautas para unha correcta xestión dos residuos.

As actividades programadas no marco desta semana galega da prevención comezaron xa durante a fin de semana, coa presenza da Consellería na XLIII Carreira popular de San Martiño, en Ourense, dentro da campaña Separar con Xeito, que busca fomentar entre a cidadanía as boas prácticas no tratamento dos residuos como unha oportunidade para conseguir beneficios ambientais e económicos a través dunha correcta separación e reciclaxe dos mesmos.

Ao longo dos próximos días celebraranse tamén talleres formativos no marco do Programa de compostaxe escolar, unha iniciativa pioneira que arrancou a comezos deste curso nunha trintena de centros de Infantil e Primaria da comunidade co obxectivo de ensinarlles aos nenos a separar os residuos orgánicos que se xeran nos seus comedores e a reutilizalos despois en forma de abono nos hortos existentes nos seus propios colexios.

O xoves 21 desenvolverase tamén unha xornada formativa dentro do Proxecto demostrativo de compostaxe comunitaria dirixida a núcleos rurais, co que, ademais, se busca a implicación de grandes xeradores de residuos orgánicos asimilables aos domésticos.

Con este proxecto, que acaba de comezar a andar no concello lucense de Mondoñedo, preténdese fomentar a xestión descentralizada da fracción orgánica nas áreas rurais, involucrando tamén a supermercados e outros produtores importantes de materia orgánica de ámbito local para aumentar os índices de recollida separada dos chamados biorresiduos.

Ademais, mañá celebrarase unha xornada de portas abertas dirixida a escolares dentro do proxecto piloto destinado á reparación e ao intercambio de aparellos, obxectos e materiais que se está a desenvolver no Centro Ocupacional de Discapacitados (CODI) do Concello de Valga (Pontevedra). Este edificio alberga tres espazos onde se reparan mobles de madeira, materiais téxtiles e pequenos electrodomésticos. Nesta xornada, os escolares da zona gozarán tamén dun taller de transformación téxtil adaptando as súas necesidades.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/11/2019