O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución destas axudas
A Xunta financia con 5,2 millóns de euros preto de 200 programas de inclusión social en concellos galegos

Un total de 65 corporacións municipais beneficiaranse destas achegas para levar a cabo programas dirixidos á poboación xitana e inmigrante, a outros colectivos en risco de exclusión e a persoas sen fogar

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2019

A Xunta de Galicia financiará 198 programas de atención a persoas en risco ou situación de vulnerabilidade que desenvolverán 65 corporacións municipais ao abeiro da orde de axudas de inclusión social para o período 2019-2021. O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica a resolución destas achegas que no seu conxunto superan os 5,2 millóns de euros, o dobre que na convocatoria anterior.

Este reforzo económico permite incrementar en dez o número de concellos beneficiados e en 38 os programas financiados por parte da Administración autonómica. A través desta orde, os entes locais sufragarán programas dirixidos á inclusión social da poboación xitana e da poboación inmigrante, intervencións para favorecer a formación e a inserción laboral de persoas en situación ou risco de exclusión e accións complementarias de educación e apoio familiar dirixidos á inclusión social de menores a cargo.

Ademais, por primeira vez, inclúese un programa específico para atención ás persoas sen fogar, na liña do Plan pioneiro que ten en marcha a Xunta de Galicia para axudar a este colectivo a superar a súa situación.

Outra das novidades desta convocatoria afecta ao período para levar a cabo os programas subvencionados, que se eleva ata os 20 meses, en lugar dos 16 que establecía a anterior orde de axudas, coa finalidade de facilitar a realización e a continuidade dos mesmos

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/11/2019