Case un cento de mulleres vítimas de violencia de xénero accederon a un emprego ao abeiro das axudas postas en marcha pola Xunta

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, compareceu no Parlamento para informar sobre o desenvolvemento en Galicia das medidas previstas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

Alfonso Rueda indicou que a posta en marcha das axudas ao alugueiro social facilitaron o acceso á vivenda a máis de medio cento de mulleres vítimas de violencia de xénero, concretamente 14 na provincia da Coruña, 5 en Lugo, 8 en Ourense e 24 en Pontevedra

Indicou tamén que se porá en marcha xunto coa Fiscalía o proxecto Fénix, unha iniciativa pioneira de reeducación para menores con medidas xudiciais por violencia

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2019

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, indicou hoxe que case un cento de mulleres vítimas da violencia de xénero accederon a un emprego ao abeiro das axudas postas en marcha pola Xunta, das cales, concretamente 79 mulleres foron contratadas a través dos programas de fomento da contratación por parte dos concellos, e 13 por entidades e empresas do rural, un ámbito prioritario para o Goberno galego, tal e como indicou o titular da Vicepresidencia.

Alfonso Rueda compareceu esta mañá na Cámara galega para informar sobre o desenvolvemento que está facendo a Xunta das medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, onde avanzou que se vai poñer en marcha xunto coa Fiscalía o proxecto Fénix, unha iniciativa pioneira de reeducación para menores con medidas xudiciais por violencia, que dará comezo este mesmo ano cunha experiencia piloto en Lugo.

Avanzou que para o ano que vén, ademais de seguir desenvolvendo as actuais medidas, darase inicio a novas actuacións, na que se atopa, a maiores do proxecto Fénix, un plan para acadar a plena comunicación e compartición de información entre as bases de datos informáticos das diferentes Administracións Públicas, novos centros de acollemento, máis formación dos profesionais dos ámbitos sanitario, educativo, xudicial, avogacía e da Administración.

O mandatario autonómico deu comezo a súa intervención apelando á colaboración e coordinación entre as Administracións cada unha no ámbito das súas competencias, para que entre todos se erradique esta lacra e puxo como exemplo o consenso co que foi aprobado o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, tanto no Parlamento de Galicia, como no Congreso e no Senado.

Indicou que a Xunta segue esta senda, poñendo en marcha as medidas do Pacto de Estado co consenso de todo o Goberno galego, traballando para a erradicación da violencia machista e para acadar tamén a igualdade real de oportunidades entre mulleres e homes. Como resultado, na nosa comunidade están executadas 64 das 65 medias propostas para este ano.

Medidas como a posta en marcha do programa de impulso á vivendas, ao que indicou que o Goberno galego destinou unha consignación orzamentaria de 1,5 millóns de euros. As axudas ao alugueiro social facilitaron o acceso á vivenda a máis de medio cento de mulleres vítimas de violencia de xénero. Foron concedidas concretamente 51 axudas, 14 na provincia da Coruña, 5 en Lugo, 8 en Ourense e 24 en Pontevedra.

Medidas no ámbito deportivo e educativo

Alfonso Rueda detallou as medidas que se están poñendo en marcha en materia deportiva, coa sinatura de convenios con deportistas profesionais e non profesionais para difundir os valores de igualdade e non violencia tanto no propio eido deportivo como de cara á sociedade no seu conxunto. Con 6 plans de patrocinio para equipos profesionais e 191 para equipos nos profesionais, contratos publicitarios con 25 deportistas e 33 contratos de patrocinio con 33 Federacións deportivas.

No ámbito educativo foron investidos directamente 2,7 millóns de euros, xa que a educación é un piar básico nesta loita, polo que se promove a implantación de plans de igualdade nos centros busca e impulsar actuacións contra a violencia de xénero. E no ámbito universitario, establecéronse convenios coas 3 universidades galegas para o desenvolvemento de accións de sensibilización e prevención nos campus.

Asistencia ás vítimas

Finalmente, Alfonso Rueda indicou que o Goberno galego ten en execución medidas para mellorar a asistencia ás vítimas como o apoio económico e social a menores orfos por violencia machista, así como para as vítimas gravemente feridas que requiriron hospitalización. Tamén se incorporaron traballadores sociais e psicólogos nas Oficinas de Atención ás Vítimas dos xulgados; e incrementouse o apoio psicolóxico fóra dos xulgados ás vítimas e a outras persoas do seu entorno familiar que vivan ou padezan estas situacións de violencia de xénero.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/11/2019