Mar Pereira sinala que Galicia ten capacidades para estar na liga dixital europea

A directora Amtega inaugurou hoxe a presentación do Capítulo Galego da Asociación Española para o Fomento da Seguridade da Información ISMS Forum

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2019

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, sinalou hoxe que Galicia ten capacidades para estar na liga dixital europea. A responsable da Axencia autonómica inaugurou hoxe o Encontro Presentación do Capítulo Galego da Asociación Española para o Fomento da Seguridade da Información ISMS Forum, que se celebra en Santiago de Compostela

Pereira destacou que a Comunidade aproveitou ben os fondos europeos para impulsar a transformación dixital e que a nova Estratexia Dixital de Galicia 2030, en proceso de elaboración, quere atraer máis financiamento para impulsar tecnoloxías de futuro, como a tecnoloxía dos datos, a nova conectividade ou a ciberseguridade como marco indispensable da economía dixital. A directora da Amtega fixo fincapé na importancia da colaboración público privada neste ámbito. e na necesidade de atraer talento para poder desenvolver todas as iniciativas en marcha.

ISMS Forum

A Asociación Española para o Fomento da Seguridade da Información, ISMS Forum Spain, é unha organización sen ánimo de lucro fundada en xaneiro de 2007 para promover o desenvolvemento, coñecemento e cultura da Seguridade da Información en España e actuar en beneficio de toda a comunidade implicada no sector. ISMS Forum Spain ten xa a máis de 230 empresas asociadas e máis de 1.200 profesionais asociados.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/11/2019