A Xunta conciencia aos escolares do CEIP do Bolo sobre a importancia da compostaxe con motivo da Semana Europea da Prevención de Residuos

A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, compartiu co alumnado unha actividade incluída na programación prevista pola Consellería de Medio Ambiente co obxectivo de incrementar a educación e a comunicación en materia de xestión de residuos

Ourense, 20 de novembro de 2019

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, compartiu co alumnado do CEIP da localidade do Bolo as actividades relacionadas coa compostaxe organizadas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda dentro dun amplo programa especial de actividades de concienciación con motivo da Semana Europea da Prevención de Residuos, que se está a desenvolver ata o 24 de novembro.

A representante do Goberno galego avaliou positivamente o desenvolvemento destes obradoiros que inciden na importancia da reciclaxe e a educación ambiental e indicou que “é de vital importancia educar aos máis pequenos, para lograr que as xeracións do futuro teñan un comportamento responsable”.

A actividade foi un dos talleres formativos que no marco do Programa de compostaxe escolar, arrancou a comezos deste curso nunha trintena de centros de Infantil e Primaria da comunidade co obxectivo de ensinarlles aos nenos a separar os residuos orgánicos que se xeran nos seus comedores e a reutilizalos despois en forma de abono nos hortos existentes nos seus propios colexios.

Numerosos centros escolares e municipios de Galicia serán os escenarios nos que terán lugar as actuacións previstas, encamiñadas promover a educación e a comunicación de residuos. Trátase, en definitiva, de concienciar aos escolares sobre o coidado do medio ambiente e das prácticas cotiás que poden facer para a súa conservación.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/11/2019