A Xunta apoiará ao Concello de Cangas na dotación de equipamento do servizo municipal de Protección Civil

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, reuniuse hoxe co alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos Varela, e o xefe de Protección Civil do concello, Cesáreo Colla

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2019

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse hoxe co alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos Varela, e o xefe de Protección Civil do concello, Cesáreo Colla, para acordar posibles vías de colaboración coas que mellorar o equipamento do servizo municipal de Protección Civil. Ao encontro tamén asistiu o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva.

O alcalde de Cangas solicitou ao Goberno galego o seu apoio para financiar un terzo do custo dun camión para o servizo de Protección Civil do concello que permita o acceso en zonas estreitas e así poder chegar ás emerxencias que se produzan no casco histórico do municipio. Este vehículo tamén se empregaría para prestar apoio aos efectivos do Corpo de Bombeiros do Morrazo en intervencións en concellos limítrofes.

A Xunta manifestou a súa disposición a colaborar no financiamento desta actuación. O Goberno galego reafirma así o seu compromiso coas emerxencias e, nesta liña, xa vén colaborando cos concellos galegos en materia de protección civil e emerxencias a través da dotación ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e aos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES) dun equipamento adecuado co que poidan realizar o seu traballo nas mellores condicións e prestar unha atención máis eficaz para garantir a seguridade da cidadanía.