O presidente da Xunta asistiu esta tarde á entrega do Galardón empresarial da Confederación de empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal
Feijóo garante que o Goberno galego seguirá acompañando e defendendo os intereses do sector industrial de Ferrolterra, do seu naval e os máis de 700 empregos da central das Pontes

En alusión á central térmica, incide na necesidade de que se busquen alternativas industriais para manter os postos de traballo asociados, “porque a improvisación non é transición, é ruptura”

Asevera que non é razoable estar dous anos sen carga de traballo en Navantia: “Non serei cómplice desa situación, estea o Goberno que estea e o forme quen o forme. Se hai corbetas no sur e non hai fragatas en Ferrol, teremos que replantexar a carga de traballo”, subliña

Respecto do centro tecnolóxico do naval, Feijóo avanza que a Xunta proporá financiar o 25% de todo o investimento que realizarán Navantia e Siemens

Ferrol, 20 de novembro de 2019

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, garantiu hoxe que o Goberno galego seguirá acompañando e defendendo os intereses do sector industrial de Ferrolterra, do seu naval e os máis de 700 empregos vencellados á central das Pontes.

Durante a entrega do Galardón empresarial da Confederación de empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (Cofer), nun primeiro termo, Feijóo reiterou que as centrais térmicas que investiron para poder seguir traballando cumprindo as emisións ante a Unión Europea, non se poden pechar “da noite á mañá”, dixo en alusión á das Pontes. Ao respecto, incidiu na necesidade de que se busquen alternativas industriais para manter os máis de 700 empregos que supón a central, “porque a improvisación non é transición, é ruptura”, sentenciou.

No eido do naval, o presidente da Xunta aseverou que non é razoable estar dous anos sen carga de traballo en Navantia e incidiu en que plantexará novamente, ao Goberno central que tome posesión, a necesidade de buscar un buque para solucionar o baleiro destes dous anos. “Non serei cómplice desa situación, estea o Goberno que estea e o forme quen o forme. Se hai corbetas no sur e non hai fragatas en Ferrol, teremos que replantexar a carga de traballo de Navantia”, subliñou.

Nesta mesma liña, e en relación ao centro tecnolóxico do naval, Feijóo avanzou que a Xunta proporá financiar o 25% a fondo perdido de todo o investimento que realizarán Navantia e Siemens deste proxecto, e co obxectivo de que este centro “se sitúe nas proximidades das gradas”.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta insistiu en que o Goberno galego seguirá estimulando, incentivando, acompañando e defendendo as iniciativas empresariais, a través, por exemplo, da Lei de implantación empresarial, que establece un procedemento único para a tramitación administrativa, en colaboración cos Concellos Emprendedores; do Plan galego de formación, que pretende lograr unha Galicia máis preparada, grazas a unha formación flexible e dual adaptada ás necesidades das empresas; da Axenda 4.0, que traballa a prol dunha Galicia máis competitiva, máis dixital e internacionalizada; ou do Plan Innova 2020, que reflicte unha aposta por unha Galicia máis innovadora, focalizada no talento e na que Ferrolterra, Eume e Ortegal teñen un papel protagonista.

Nesta mesma liña, resaltou que a Xunta ten investidos en Ferrol máis de 40 millóns de euros na súa transformación dixital; 2,5 millóns de euros ao ano na súa formación de calidade, especialmente, no sector naval; e fomenta o emprendemento e a diversificación do tecido empresarial mediante iniciativas como o Coworking Ferrolterra, con 28 proxectos convertidos en realidade empresarial.

En materia de infraestruturas, referiuse á evolución da vía de altas prestacións da Costa Norte; ao saneamento integral da ría, no que se levan invertidos máis de 100 millóns e que está a piques de rematarse; á futura residencia de maiores, que se unirá á xa reformada residencia de Caranza; “e contamos cunha nova oficina Reconduce, operativa desde 2017”, dixo, subliñando que, no eido educativo, está en execución a rehabilitación integral do CEIP Cruceiro de Canido e a ampliación do CIFP Ferrolterra, ademais da potenciación do Campus Industrial de Ferrol.

Así mesmo, salientou que a ampliación do Hospital de Ferrol está en marcha, ao igual que as obras de acondicionamento do Hospital Naval e o Centro de Saúde de Narón; e, no capítulo do medio ambiente e vivenda, destacou que hai catro áreas de rehabilitación integral declaradas e que está en vigor o Rexurbe Ferrol.

O responsable do Executivo autonómico concluíu gabando a traxectoria persoal e profesional do galardoado José Juan Rilo Dopico que, como todas as historias relacionadas co emprendemento, ten un impacto na súa contorna, xerando riqueza e creando emprego.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/11/2019