A Xunta avanza que en 2020 estará rematada a sinalización de todos os itinerarios do Camiño de Santiago tras un investimento de 12M€

Feijóo incide en que todos os concellos, menos un, están permitindo a sinalización dos camiños de Santiago no transcurso do seu termo municipal

Desde 2015 sinalizáronse 1.650 quilómetros do Camiño con máis de 5.542 sinais en 126 concellos das 4 provincias

Neste 2019 estase executando a sinalización da Vía da Prata e o vindeiro ano completarase o Camiño de Inverno, o único que queda pendente

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2019

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello da Xunta, que en 2020 estará rematada a sinalización de todos os itinerarios do Camiño de Santiago tras un investimento de 12 millóns de euros.

Desde 2015 sinalizáronse máis de 1.650 quilómetros do Camiño con máis de 5.542 sinais en 126 concellos das 4 provincias. En concreto, instaláronse 3.752 fitos de pedra, 1.135 cunchas de cerámica, 165 cunchas de bronce e 490 sinais verticais.

O presidente da Xunta incidiu en que “todos os concellos, menos un, están permitindo a sinalización dos camiños de Santiago no transcurso do seu termo municipal”.

No referido ao desenvolvemento do plan, neste 2019 estase executando a sinalización da Vía da Prata cun investimento de 2,1 millóns de euros para instalar 788 sinais ao longo de 403 quilómetros de 33 concellos. E o vindeiro ano completarase o Camiño de Inverno, o único que queda pendente, cun orzamento previsto de 3 millóns de euros para actuar en 175 quilómetros de 13 concellos.

A modo de balance, o presidente da Xunta explicou que desde 2015 cada ano se acometeu a sinalización dunha ruta, comezando nesa data polo Camiño Francés cun investimento de máis de 750.000 euros que permitiron instalar 840 sinais en 194 quilómetros ao longo de 12 concellos.

O ano seguinte investíronse 1,1 e 1,7 millóns de euros na instalación de sinais nos Camiños Primitivo -665 sinais en 132 quilómetros de 7 concellos- e no Camiño do Norte -1.226 sinais en 274 quilómetros de 12 concellos-, respectivamente.

A continuación, no ano 2017, o Camiño Inglés recibiu 805.000 euros para instalar 914 sinais en 146 quilómetros de 18 concellos e tamén se actuou no Camiño de Fisterra e Muxía con 560.000 euros, que favoreceron a instalación de 779 sinais en 147 quilómetros ao longo de 9 concellos.

Finalmente o Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa contaron en 2018 cun investimento de 1,7 millóns de euros para instalar 330 sinais en 209 quilómetros de 22 concellos.

Para concluír, Feijóo aseverou que esta experiencia sinalizando as rutas xacobeas permitiu que todos os concellos da Península Ibérica, menos un, asumiran as directrices de Galicia en materia de sinalización do Camiño.

A sinalización do Camiño de Santiago é unha das diversas iniciativas nas que traballa a Xunta para preparar o Xacobeo 2021, como o Plan de mantemento cun orzamento de 15,6 millóns de euros, o Plan de albergues que conta con 7 millóns de euros para crear 8 novos establecementos ou as axudas aprobadas a semana pasada do Plan de Embelecemento para acometer un cento de actuacións de mellora paisaxística.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/11/2019