O conselleiro do Medio Rural e unha representación de veciños mantiveron unha xuntanza para tratar as novidades en relación con estas reestruturacións parcelarias
A Xunta garante a vixencia e a validez das declaracións ambientais das dúas concentracións parcelarias abertas no municipio de Agolada

José González explicou aos veciños que xa comezaron as actuacións materiais de inicio destes dous proxectos, cuxas DIAs xa foron emitidas, polo que con estes traballos e ao amparo da Lei de Avaliación Ambiental, esas declaracións de impacto ambiental non caducan e queda garantida súa vixencia e validez

José González lembroulle aos veciños que a Xunta xa informara desta novidade convenientemente ao alcalde agoladés o pasado martes, 19 de novembro, para trasladarlle a solución da vixencia das declaracións de impacto ambiental

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2019

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, mantivo esta mañá un encontro cunha representación de veciños de Agolada para abordar as novidade producidas nos últimos días en relación coas dúas parcelarias abertas na actualidade no municipio, a de Agra-Seixo-Val-Baíña e a de Berredo-Basandre-Eidián-Ramil.

Na reunión, o conselleiro trasladou aos veciños que o seu departamento xa comezou as actuacións de inicio destes dous proxectos de reestruturación parcelaria, cuxas declaracións de impacto ambiental xa foron emitidas, dando así cumprimento aos requirimentos das DIAs.

Polo tanto, o titular de Medio Rural reiteroulle que con estes traballos, e ao amparo do previsto na Lei de Avaliación ambiental, esas declaracións de impacto ambiental non caducan e queda garantida a vixencia e a validez das DIAs das dúas concentracións abertas na zona na actualidade.

Neste sentido, José González lembrou que a Xunta xa informara desta novidade convenientemente ao alcalde o pasado martes, 19 de novembro. Ademais, o conselleiro indicoulles que onte mesmo, en sede parlamentaria, reiteraba o compromiso da Xunta con estes procesos de reorganización do territorio, que son claves como instrumentos de dinamización do rural galego.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/11/2019