Bota a andar no Ramón Piñeiro o XVI curso 'Os camiños nas narrativas literarias e artísticas da LIX'

O secretario xeral de Política Lingüística participou na inauguración desta actividade formativa organizada pola Xunta en colaboración coa USC e a AELG

O curso celebrarase hoxe no Pazo de San Roque e mañá na Biblioteca Afundación 

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2019

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no Pazo de San Roque na inauguración do XVI Curso de Formación Os camiños nas narrativas literarias e artísticas da Literatura Infantil e Xuvenil, organizado pola Xunta, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).

Valentín García lembrou que “o camiño, moitas veces como metáfora da vida, está presente en todas as literaturas e a LIX galega non ía ser menos, tendo como ten o Camiño de Santiago como referente tan próximo e tan presente”. Ademais, dirixíndose aos asistentes, pediulles que trasladen esta formación ás aulas cando sexan docentes “para abrir os nenos e nenas á literatura en lingua galega, a gozar das historias e do coñecemento que achegan os libros no idioma propio de Galicia”.

A canda Valentín García, participaron na inauguración Armando Requeixo, secretario do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), e Daniel Asorey, vogal da AELG en Santiago.

Posta en valor do patrimonio cultural e identitario galego

O obxectivo do XVI Curso de Formación Os camiños nas narrativas literarias e artísticas da Literatura Infantil e Xuvenil é axudar o futuro profesorado de educación infantil e primaria, así como a todo tipo de mediador, no seu quefacer profesional no marco de ámbitos básicos como a formación artístico-literaria e a comprensión e expresión escrita e lectora.

A temática elixida para esta actividade formativa é a do Camiño, entendido este cunha visión ampla que recolle as viaxes, a deriva interior iniciática, os camiños de peregrinación etc., pois considérase que, ademais de axudar ao coñecemento do obxecto principal de análise, a literatura infantil e xuvenil axuda a poñer en valor o patrimonio cultural e identitario galego.

O curso, dirixido por Carmen Franco (do Instituto de Ciencias da Educación da USC) e por Marta Neira (profesora de Ciencias de Educación da USC e coordinadora do proxecto do CRPIH Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil) desenvolverase en horario de tarde, hoxe no Pazo de San Roque, sede do CRPIH e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e mañá na Biblioteca Afundación. 

Data de actualización: 21/11/2019