A Xunta activa a alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Lugo

Agárdanse ondas de ata 6 metros por mar combinada do noroeste. No resto do litoral galego haberá alerta amarela

Ademais, actívase nivel amarelo por vento con rachas que poden acadar os 80 km/h e alerta amarela por choiva en toda a comunidade

A Xunta lembra a necesidade de extremar as precaucións, seguir as medidas de protección pertinentes e consultar a súa web www.axega112.gal

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2019

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta activa a alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Lugo.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa afectará ao noroeste da provincia da Coruña e a todo o litoral de Lugo a partir das 15 horas de hoxe con ventos do oeste de forza 8 e mar combinada do noroeste con ondas entre 5-6 metros. No resto do litoral galego haberá alerta amarela. Ademais, actívase nivel amarelo por vento con rachas que poden acadar os 80 km/h e alerta amarela por choiva que afectará a toda a comunidade galega.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Debido ao temporal costeiro, recoméndase permanecer lonxe da liña de costa e das praias e paseos marítimos co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. É preciso evitar aproximarse a diques, rompentes, espigóns, peiraos e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar e vixiar posibles caídas de obxectos de balcóns e fiestras.

Tamén se aconsella a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas, así como extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións. Ademais, é recomendable consultar a páxina web do CAE 112, que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/11/2019