Conde sinala en Ourense que a aceleradora Agrobiotech permite impulsar a innovación e a internacionalización das pemes galegas

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou na Tecnópole no III Agrobiotech Fest, que permite poñer en valor o potencial galego nos sectores agroalimentario, biotecnolóxico e da biomasa

Nas tres edicións da aceleradora participaron 33 empresas, que accederon a un plan de traballo á medida das necesidades de cada unha

Agrobiotech forma parte da plataforma StartIN Galicia, que permitiu nos últimos cinco anos impulsar máis de 1000 proxectos emprendedores en toda a Comunidade

San Cibrao das Viñas (Ourense), 22 de novembro de 2019

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe na súa intervención no III Agrobiotech Fest, que se celebra no Parque Tecnolóxico de Galicia- Tecnópole, que a aceleradora Agrobiotech é unha iniciativa estratéxica para a Xunta que permite impulsar a innovación, a comercialización e a internacionalización das pemes galegas en tres sectores claves para o tecido produtivo galego e para a provincia de Ourense como son o agroalimentario, o biotecnolóxico e o da biomasa.

Nas tres edicións de Agrobiotech celebradas ata a data apoiáronse un total de 33 empresas, 12 na terceira edición que vén de rematar. Así, este ano no ámbito da agroalimentación participaron Dayrilac, Orballo, Hifas da Terra e Tastelab. Do sector biotecnolóxico, Cifga, AmsLab, Software 4 science developments, Nasasbiotech e Celtalga. Do ámbito da biomasa, Mosquera Villavidal, Horticultura Hidropónica e Ibérica de Esponjas Vegetales.

Grazas ao plan de traballo á medida das necesidades de cada empresa que ofrece o programa Agrobiotech, as 21 iniciativas que participaron nas dúas edicións anteriores lograron posicionar máis de 50 novos produtos no mercado, rexistraron un aumento de facturación superior aos 6 millóns de euros, e crearon máis de 70 novos empregados.

O conselleiro sinalou na súa intervención que o AgroBiotech Innovation Fest é unha oportunidade para compartir ideas no campo da innovación dentro do tecido empresarial e unha demostración do potencial que xa atesoura Galicia cando se fala da industria en sectores punteiros.

Así, no encontro participan os principais axentes da biotecnoloxía, a alimentación e a biomasa, industrias cuxa repercusión en Galicia é cada vez máis decisiva. O conselleiro referiuse á biotecnoloxía como un eido idóneo para a experimentación e a innovación, que debe dinamizar a transformación dos sectores tradicionais galegos. No tocante ao agroalimentario, sinalou que a Comunidade é un referente internacional, cun sector que representa preto do 10% do PIB de Galicia, con 2.500 empresas que facturan 8.000 millóns cada ano.

No ámbito da biomasa, apuntou que nos últimos anos a Xunta ten impulsado a instalación de 7.000 caldeiras, e que aposta por este recurso autóctono tanto con fins térmicos como para a produción de electricidade está contribuíndo a impulsar unha transición enerxética sostible.

A aceleradora Agrobiotech forma parte da plataforma StartIN Galicia, a rede galega de aceleradoras que permitiu nos últimos cinco anos impulsar máis de 1000 proxectos emprendedores en toda a Comunidade.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/11/2019