Empregados públicos da Administración local coñecen os avances sobre transparencia nunha xornada na Delegación da Xunta en Lugo

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, participou hoxe na formación xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro

Lugo, 22 de novembro de 2019

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participou hoxe na xornada de formación organizada polo Goberno galego e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) A transparencia na Administración local de Galicia. Actualidade xurídica e práctica. A Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, clausurou o acto.

Os empregados públicos e cargos electos da Administración local asistentes á xornada, celebrada na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, tiveron ocasión de actualizar os seus coñecementos sobre a xestión pública local, sobre todo no que se refire á materia de transparencia nas entidades locais de Galicia.

Entre os asistentes á formación de hoxe figuran alcaldes, concelleiros, interventores, tesoureiros, administrativos, auxiliares administrativos, técnicos de xestión ou asesores xurídicos que, a través desta xornada, descubriron as ferramentas necesarias para cumprir coas obrigas legais de transparencia co Portal de Transparencia Local de Galicia. A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, impartiu unha das ponencias na que expuso precisamente as vantaxes do Portal de Transparencia Local de Galicia para os concellos e as súas funcionalidades prácticas.

Por outra parte, a codirectora da Rede Localis, Concepción Campos, abordou as obrigas da Secretaría Municipal en transparencia tras a aprobación do Real Decreto 128/2018 polo que se regula no réxime xurídico dos funcionarios da Administración Local coa habilitación de carácter nacional; e o profesor da Universidade de Vigo e tamén codirector desta rede, Alberto Vaquero, dotou aos profesionais de ferramentas para cumprir as obrigas legais neste ámbito.

A xornada tamén contou coa participación da secretaria da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa, Elena Barba, quen dou a coñecer as novidades introducidas pola Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público en materia de transparencia e publicidade electrónica. Noutra das ponencias, o profesor da Universidade de Santiago e membro da Rede Localis, Daniel Neira, afondou nas dificultades e solucións para o exercicio do dereito de acceso á información pública, así como nas novidades sobre protección de datos e a interacción desta norma coa de transparencia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/11/2019