A Xunta expón en Portugal as medidas que leva a cabo en materia de sanidade animal e vexetal

No tocante á sanidade animal, Galicia pode presumir de que o actual estado sanitario da cabana galega aporta privilexios e vantaxes para os gandeiros e para a poboación en xeral

Tamén se puxo en valor as actuacións levadas a cabo polo Goberno galego para loitar contra a couza guatemalteca da pataca e a avespiña do castiñeiro, referentes en ambos casos
 

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2019

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, participou esta semana nunhas xornadas en Santarém, Portugal, sobre sanidade vexetal e animal, da man do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Así, ao longo de dúas xornadas, analizáronse as medidas levadas a cabo nas distintas comunidades e os resultados acadados para facerlle fronte a diversos organismos vexetais de corentena. Neste senso, no tocante á sanidade animal, Galicia pode presumir de que o actual estado sanitario da cabana galega aporta privilexios e vantaxes para os gandeiros e para a poboación en xeral.

Neste senso, cabe lembrar que a nosa comunidade está declarada como rexión oficialmente indemne de brucelose bovina (acadada no ano 2017) e de brucelose ovina e cabrúa (acadada no ano 2013), feitos que revalorizan os produtos alimentarios galegos de orixe animal, á vez que ofrecen garantías á poboación e aos consumidores.

Así, o director xeral puxo en valor os controis desta enfermidade levados a cabo na nosa comunidade, que son moi exhaustivos e para os que se empregan os métodos de diagnóstico oficiais que veñen recollidos na normativa estatal de aplicación e no programa nacional. En relación coa tuberculose, José Balseiros subliñou que Galicia tamén destaca por ser a comunidade autónoma coa prevalencia de tuberculose bovina máis baixa do territorio peninsular español, cun 0,05% no ano 2018 fronte outras comunidades como Andalucía (12,34%), Castela A Mancha (10,35%) ou Estremadura (9,75%). Ademais, o director xeral destacou que este ano a Comisión Europea declarou a provincia de Pontevedra como oficialmente indemne desta enfermidade.

Sobre as medidas de prevención que a Consellería ten en marcha fronte á peste porcina africana, José Balseiros sinalou que a nosa comunidade reforzou o plan estratéxico de bioseguridade en explotacións do sector porcino. Así, ademais das enquisas de bioseguridade realizadas na totalidade das granxas porcinas galegas, a Xunta está revisando o rexistro de explotacións de autoconsumo e visitando todas aquelas granxas en situación rexistral de alta para proporcionarlle aos seus titulares un documento informativo sobre a prevención desta enfermidade. Tamén se reforzou a vixilancia en movementos procedentes doutros países considerados de risco, o control das condicións de limpeza e desinfección de vehículos de transporte de gando, a vixilancia nos matadoiros e nas poboacións de xabarís. Neste senso, cómpre lembrar que os esforzos e recursos da Consellería están concentrados fundamentalmente dentro do Programa de vixilancia sanitaria do gando porcino.

En materia de sanidade vexetal, o dirixente autonómico analizou a situación actual da couza da pataca e as actuacións realizadas polo Goberno galego, que foron incluso postas de exemplo polo Ministerio para o resto de comunidades e avaladas pola Unión Europea, tras unha auditoría realizada en setembro de 2018. Así, dixo, as autoridades europeas concluíron que só se pode acadar dita erradicación se se continúa coas actuacións desenvolvidas ata o de agora.

Sobre a avespiña do castiñeiro, Galicia tamén é un referente na loita contra este insecto, subliñou José Balseiros. Así, destacou as soltas do parasito Torymus sinensis realizadas no territorio galego e os resultados acadados que confirman o asentamento deste parasito nos soutos de castiñeiros de Galicia.
 

Data de actualización: 24/11/2019