Política Social organizará unha actividade de voluntariado ambiental na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo

A iniciativa, enmarcada no programa LEWO, contará con 20 prazas e terá lugar entre o 6 e o 8 de decembro

A semana do 5 de decembro, Día Internacional do Voluntariado, a Xunta promoverá accións voluntarias en diferentes áreas

A partir deste martes un autobús percorrerá desde Ferrol as cidades e vilas galegas para informar dos programas promovidos pola Xunta nesta materia

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2019

A Consellería de Política Social pon en marcha unha campaña de promoción da acción voluntaria con motivo do Día Internacional do Voluntariado, que se celebrará o vindeiro 5 de decembro. Ao abeiro desta iniciativa, porase en marcha unha actividade de voluntariado ambiental na Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo desde o venres 6 ao domingo 8.

A primeira semana de decembro será a Semana do Voluntariado, polo que se programará unha acción voluntaria para cada día, vinculada a un ámbito concreto. Esta acción, que contará cun total de 20 prazas, enmárcase no programa LEWO (Life Envergreen with Volunteer) da Comisión Europea, co que se facilita que as mozas e mozos galegos se impliquen en accións de voluntariado ambiental en diferentes zonas da comunidade de gran valor natural.

Cómpre resaltar que, para participar nesta actividade no municipio pontevedrés, o prazo de inscrición abrirase este luns 25 de novembro. As persoas que desexen participar deberán cubrir un formulario de solicitude dispoñible en www.voluntariagogalego.org.

Outras actividades pola semana do voluntariado

Así, a nivel cultural, o martes 3 de decembro realizaranse labores de limpeza da área arqueolóxica no Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro. Para esta actividade, igual que a enmarcada no programa LEWO, será necesaria inscrición.

Dentro do voluntariado social, o luns día 2 entregaranse os diplomas do curso de lingua de signos para persoas voluntarias que se está levando a cabo de xeito presencial no centro coordinador de información e documentación xuvenil de Santiago de Compostela. Cómpre resaltar que esta iniciativa forma parte dun dos obxectivos do protocolo asinado entre a Consellería de Política Social e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia para promover o voluntariado na atención ás persoas xordo-cegas.

No ámbito do voluntariado educativo, o colexio Carmelitas de Ourense expoñerá o mércores 4 todo o traballo que desenvolve no marco do programa Pasaporte Solidario, que por primeira vez este curso forma parte do Plan Proxecta, iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional dirixida a fomentar a innovación nos centros educativos que desenvolvan as competencias clave como eixo do currículo académico.

O propio día 5 terá lugar un encontro entre participantes galegos nos campos de voluntariado de Galicia, doutras comunidades e do estranxeiro, que se celebrará no auditorio do CGAC en Santiago de Compostela. Os campos de voluntariado enmárcanse na Campaña de Verán que todos os anos programa a Xunta de Galicia. Neste 2019 ofertáronse un total de 643 prazas, 40 máis con respecto a 2018, en 30 campos diferentes. A temática destas actividades abranguen a medioambiental, a etnográfica, a social, a arqueolóxica e a patrimonial. Todas comparten unha faceta dinamizadora e impulsora da zona onde se levan a cabo, así como o seu carácter internacional coa participación de xuventude doutras nacionalidades.

Autobús Engánchate ao voluntariado

Ademais, a partir deste martes un autobús percorrerá desde Ferrol as sete cidades e as principais vilas galegas achegando información sobre os programas que desenvolve o Goberno galego nesta materia. Baixo o lema Engánchate ao voluntariado, este autobús tamén achegará material vinculado a esta campaña para favorecer a captación de máis persoas voluntarias.

Data de actualización: 24/11/2019