A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade clausurou hoxe as xornadas técnicas da 49ª Convención Internacional de Autoescolas
Ethel Vázquez avanza que a Xunta dotará de vallas reforzadas fronte ao xabaril as novas estradas que coincidan con zonas de maior risco

Vázquez Mourelle avanza que a futura nova autovía Lugo-Sarria contará con esta medida, ata agora a de maior eficacia fronte aos accidentes por animais

Salienta que o Goberno galego, a través do Plan de seguridade Viaria 2016-2020, que está adaptado ás singularidades da comunidade galega, vén desenvolvendo unha serie de actuacións para minimizar a sinistralidade nas vías autonómicas

Subliña a seguridade viaria como prioridade absoluta da Xunta, que no ano 2020 reserva nos Orzamentos case 80 millóns de euros para mellorar as estradas, mantelas en boas condicións e eliminar os puntos de concentración de accidentes

Sinala que a Xunta está a poñer o acento nos usuarios vulnerables das vías, os peóns e ciclistas, coa execución xa de máis de 100 km de sendas seguras

Remarca varias liñas de acción do Goberno galego para reducir os accidentes como consecuencia do xabaril e pon en valor o papel das autoescolas para formar aos condutores na reacción axeitada ante o imprevisto da irrupción destes animais

Destaca o reforzo da formación e da concienciación con campañas de seguridade viaria como ‘O corazón está do teu lado’, dirixida aos escolares, ou coa distribución ao remate do vixente plan dunhas 37.600 prendas reflectoras para evitar atropelos

A Coruña, 23 de novembro de 2019

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, clausurou hoxe as xornadas técnicas da 49ª Convención Internacional de Autoescolas, onde avanzou que a Xunta dotará de vallas reforzadas fronte ao xabaril as novas estradas que coincidan cos treitos de maior risco. Así sucederá, por exemplo, na futura autovía entre Lugo e Sarria, que contará con esta medida, a de maior eficacia fronte aos accidentes por animais.

A conselleira anunciou tamén que a Xunta iniciará no 1º semestre do vindeiro ano a elaboración do Plan de seguridade viaria 2021- 2025 para sumar esforzos a prol da redución dos accidentes de tráfico.

Vázquez Mourelle explicou que na elaboración do plan vixente xa participaron distintos colectivos, asociacións e profesionais da seguridade viaria, entre eles a Federación galega de autoescolas, aos que convidou a volver realizar as súas achegas ao novo programa.

Indicou que o conxunto da sociedade ten responsabilidades no eido da seguridade viaria e por suposto, as Administracións públicas, que deben liderar e centrar os esforzos e recursos nesta materia.

O Goberno galego, no marco do Plan de seguridade Viaria 2016-2020, vén desenvolvendo unha serie de medidas para tratar de reducir os accidentes de tráfico e minimizar as súas consecuencias nas vías de titularidade autonómica.

Este plan ten en conta as singularidades de Galicia, onde existen catro titulares de estradas diferentes: o Ministerio de Fomento, a Xunta, as catro Deputacións provinciais e os concellos. Ademais, cómpre considerar que na comunidade, o 77% de territorio ten características de terreo accidentado e conta co 50% dos núcleos de poboación de España e o 71% deles ten menos de 50 habitantes.

Subliñou que estas actuacións, adaptadas á realidade territorial de Galicia, van acompañadas de orzamento, polo que no ano 2020 se destinarán case 80 millóns de euros a mellorar as estradas, a mantelas en boas condicións e eliminar os puntos de concentración de accidentes.

Destacou que ademais de avanzar na construción de grandes eixos de comunicación como as autovías do Morrazo ou da Costa da Morte, a Xunta aposta por conservar en bo estado a rede de estradas mediante o Plan de reforzos de firmes ou o Plan de Vialidade Invernal.

Indicou que tamén se está a poñer o acento nos usuarios vulnerables das vías, os peóns e ciclistas, co desenvolvemento do Plan de sendas de Galicia, a través do que xa se acometeron máis de 100 quilómetros de itinerarios seguros e sustentables.

Engadiu que actualmente a Xunta está a traballar de xeito intenso na estratexia para eliminar os tramos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas, unha medida orientada tamén á redución de sinistralidade.

Tamén se referiu ao traballo para reducir a accidentalidade en estradas como consecuencia do xabaril, a través de varias liñas de actuación como os ensaios de orina sintética de lobo como repelente destes animais en algúns tramos da rede viaria. Apuntou que se está ultimando o decreto para a comercialización de carne de xabaril e se están incrementando as accións de caza para reducir a poboación destes animais e os accidentes de tráfico.

No marco desta problemática, a conselleira tamén trasladou a importancia de que os condutores saiban reaccionar ante un imprevisto como a irrupción dun xabaril ou outro animal e nese sentido afirmou que o traballo das autoescolas pode resultar interesante.

Non obstante, apuntou que todas estas actuacións deben ir acompañadas de condutas responsables nas vías, para o que precisou que é fundamental a formación e a concienciación, liñas que vén reforzando o Goberno galego nos últimos anos.

Puxo como exemplo a campaña ‘O corazón está do teu lado’, un programa de seguridade viaria que a Xunta está a levar aos colexios galegos para fomentar a cultura dos hábitos responsables nas estradas entre os cativos.

Ademais, a consellería está a impulsar outras campañas como a da sensibilización da importancia de facerse ver nas estradas a través das prendas reflectoras que se están a distribuír aos usuarios máis vulnerables. Ao remate do vixente plan, o Goberno galego terá repartidas unhas 37.600 prendas destas características para evitar os atropelos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/11/2019