Ovidio Rodeiro visita o obradoiro de emprego de Rianxo que formará a 15 alumnos en instalación de xeso laminado e falsos teitos

O delegado territorial destacou que a Xunta financiará 5 talleres de formación, 20 cursos AFD e un PIE na comarca cun investimento que supera os 2,8 millóns de euros

Rianxo (A Coruña), 25 de novembro de 2019

O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, participou esta mañá na apertura do obradoiro de emprego de Rianxo que oferta 15 prazas formación en Instalación de Placa de Xeso Laminado e Falsos Teitos. Este obradoiro de emprego conta cun orzamento de 252.000 euros. A parte práctica deste curso centrarase na reforma da primeira planta de Clínica Vella de Rianxo.

Os participantes neste taller de formación e emprego dual poderán combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas, de como mínimo tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro.

Ovidio Rodeiro destacou que “o obxectivo é seguir formando aos desempregados dos concellos galegos para incrementar as súas posibilidades de atopar un emprego, especialmente nos do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación das empresas da contorna”.

Na súa intervención lembrou que “a Xunta financiará 5 talleres na comarca do Barbanza, 3 deles de carácter dual, (onde participarán alumnos e alumnas de calquera idade) e 2 de garantía xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá en políticas activas de emprego na comarca 1.201.115 euros.

Os obradoiros duais terán lugar Lousame, compartido con Noia en Rianxo e en Ribeira. Pola súa banda, os obradoiros do garantía xuvenil, realizaranse en Muros, compartido con Carnota e no concello de Boiro.

Estes obradoiros permitirán que un total de 82 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. Os participantes recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. A duración dos obradoiros xerais serán de 9 meses e os de Garantía Xuvenil de 6 meses.

Cursos AFD

O delegado territorial da Xunta tamén lembrou que na comarca do Barbanza impartiranse 20 cursos AFD (Accións Formativas para Desempregados) para formar a 300 alumnos cun investimento que supera os 830.000 euros. Estes cursos celebraranse na súa maioría en empresas e entidades sen ánimo de lucro e catro deles estarán organizados polos concellos de Boiro, Porto do Son e Ribeira. Os organizadores ofertarán accións formativas nos principais sectores da economía, primando a formación no eido do naval, a automoción, a edificación e obra civil, así como competencias clave e dixitais.

Os alumnos e alumnas interesados en acceder a esta formación poderán contactar coa entidade ou o centro para realizar a súa preinscrición no curso da súa elección. Ademais, poderán acceder a un certificado de profesionalidade que lles abrirá novas oportunidades laborais.

Os alumnos que participen nestes cursos tamén teñen dereito, sempre que cumpran uns requisitos, a becas que inclúen transporte, manutención, aloxamento, conciliación e apoio a alumnos vítimas de violencia de xénero ou con necesidades especiais.

Esta iniciativa, que se enmarca na Axenda 20 para o Emprego, conta co obxectivo de seguir incrementando a ocupabilidade das persoas sen un traballo, facilitándolles o seu acceso ao mercado laboral, ao tempo que se dota a Galicia dun capital humano máis formado de acordo ás necesidades reais das empresas. A convocatoria destes cursos é plurianual (2019-2020), o que posibilitará que se imparta unha formación máis completa e, polo tanto, lógrase unha maior empregabilidade dos alumnos.

O representante do goberno autonómico tamén lembrou que na área de influencia do Barbanza realizarase un Plan Integrado de Emprego (PIE) en Boiro. Este programa permitirá formar a 100 desempregados dos cales cando menos, un 35% lograrán inserirse no mercado laboral. Este curso suporá un investimento na comarca de 250.000 euros.

Ovidio Rodeiro finalizou a súa intervención puntualizando que “con este tres programas a Xunta de Galicia investirá nesta área do Barbanza máis de 2,8 millóns de euros para impartir os 5 obradoiros, 20 cursos AFD e un PIE”

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/11/2019