A Xunta pon en marcha na provincia de Ourense 14 obradoiros duais de emprego que benefician a 276 persoas desempregadas

A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, participou na apertura do taller ‘Ruta dos Muiños V’ promovido pola agrupación de concellos de Padrenda, Quintela de Leirado e Gomesende

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 4,7 millóns de euros a esta iniciativa que, ademais da formación e aprendizaxe durante 9 meses, apoia a contratación en prácticas de polo menos 3 meses nunha empresa

Ourense, 26 de novembro de 2019

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou hoxe na apertura do obradoiro de emprego ‘Ruta dos muíños V’ no que 20 desempregados achegados dos concellos de Padrenda, Gomesende e Quintela de Leirado se formarán en actividades auxiliares de acabados ríxidos e urbanización.

Este é un dos 14 obradoiros duais de formación e emprego que a Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa na provincia ourensá e que se van poñer en marcha ao longo desta semana. Trátase dunha iniciativa, enmarcada na Axenda 20 para o Emprego, na que o Goberno galego inviste preto de 4,7 millóns de euros e formará a 276 persoas en situación de desemprego veciños dun total de 77 concellos ourensáns.

Os participantes neste taller de formación e emprego dual poderán combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas, de como mínimo tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro.

No acto de inauguración, Díaz Mouteira destacou que “o obxectivo é seguir formando aos desempregados dos concellos galegos para incrementar as súas posibilidades de atopar un emprego, especialmente nos do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación das empresas da contorna”.

Nesta edición tiveron prioridade os proxectos que impartan especialidades forestais, de seguridade e medio ambiente relacionados coa vixilancia e extinción de incendios forestais e tamén coa construción, instalación e mantemento de infraestruturas de prevención e extinción, así como aqueles destinados á conservación, reforma e posta en valor das rutas de peregrinación delimitadas do Camiño de Santiago.

Díaz Mouteira subliñou a importancia dos obradoiros para incrementar a empregabilidade do alumnado e lograr a súa reinserción laboral, ao tempo que permiten a obtención dun certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

Esta iniciativa de emprego está dotada cun investimento total 336.000 euros por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que se destinará a apoiar os custos de funcionamento e salariais, tanto do alumnado como do equipo de docentes e administrativos, e tamén os incentivos á contratación.

Durante os nove meses de duración deste programa mixto de formación e emprego o alumnado desenvolverá en Padrenda traballos nas marxes dos carreiros do río Crespos que inclúen o seu acondicionamento, a contención de terras e a instalación de varandas e sinalización descritiva; en Gomesende realizarase a rehabilitación da antiga casa do médico no lugar de Casanova; e, no concello de Quintela de Leirado o alumnado rematará o miradoiro e pavimento do paseo do xardín da casa comunitaria de maiores de Xacebáns e da antiga escola de Souto

Marisol Díaz lembrou que xunto cos 14 obradoiros duais, na provincia se están a desenvolver outros 3 obradoiros de emprego para menores de 30 anos, a través do Sistema de Garantía Xuvenil, para seguir impulsando o emprego entre a mocidade nos que participan 45 persoas desempregadas. En total, a Xunta destina case 5,2 millóns de euros para cofinanciar o desenvolvemento de 17 talleres.

Marisol Díaz Mouteira indicou que se trate dunha iniciativa, enmarcada na Axenda 20 para o Emprego, que o Goberno galego leva a cabo en colaboración cos concellos e que, polo tanto, fomenta a cooperación institucional. O obxectivo é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente os do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 26/11/2019