A Xunta salienta que o programa integrado de emprego 'Ocúpate II' impulsou a empregabilidade de 100 mozos e mozas da área de Vigo

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, clausurou hoxe esta iniciativa na que os participantes recibiron formación para o emprego como camareiro de piso, dependente de comercio, operario de liña de produción e loxística, ademais de carretillero

Destaca a importancia de adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas para competir, crecer e xerar emprego de calidade

Xa se resolveu a nova edición dos programas integrados de emprego que na edición 2019/2020 permitirá a posta en marcha de 43 iniciativas das que se beneficiarán 4300 persoas

Vigo, 27 de novembro de 2019

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, destacou hoxe en Vigo a importancia da cooperación entre a Xunta, os concellos galegos e as entidades para ofrecer novas oportunidades laborais aos cidadáns, durante a clausura do programa integrado de emprego Ocúpate II que se desenvolveu co impulso da Asociación de Comerciantes e Profesionais Zona Príncipe.

Esta iniciativa permitiu a mellora da empregabilidade dun total de cen persoas, menores de 30 anos, que recibiron formación para o emprego como camareiros de piso, axudantes ou dependentes de comercio, operarios de liña de produción e loxística ou carretilleros.

O programa integrado de emprego incluíu tamén actividades de orientación e asesoramento individualizado, intermediación laboral e acompañamento na procura de emprego, obradoiros de motivación, así como formación transversal en novas tecnoloxías e idiomas. O compromiso adquirido de inserción laboral mínima para esta iniciativa, foi dun 40%.

Casal explicou que Galicia está desenvolvendo 40 programas integrados co compromiso de acadar unha inserción do 35% e avanzou que na edición 2019/2020 se destinarán 10 millóns de euros para apoiar 43 iniciativas que chegarán a 4300 persoas desempregadas para incrementar as súas oportunidades laborais.

Ademais, insistiu na aposta pola formación que representa unha prioridade para a Xunta, ben para persoas ocupadas ou ben para desempregadas, co obxectivo de crear máis e mellor emprego para toda Galicia. Para rematar, o director xeral salientou a importancia de adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas para competir, crecer e xerar emprego de calidade.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/11/2019