Román Rodríguez sinala a importancia de coidar ao peregrino como patrimonio humano do Camiño e conservar a súa memoria

O conselleiro de Cultura e Turismo participou en Santiago na presentación do libro e o audiovisual ‘Memoria de los peregrinos’ no que a Fundación Jacobea recolle testemuñas e experiencias de persoas que percorreron a Ruta Xacobea

O proxecto forma parte de ‘O teu Xacobeo’, a convocatoria posta en marcha pola Xunta para involucrar a todos os galegos na celebración do vindeiro Ano Santo

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2019

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou hoxe no Museo das Peregrinacións e de Santiago na presentación do libro e o audiovisual Memoria de los peregrinos. Trátase dun proxecto impulsado pola Fundación Jacobea que conta co apoio da Xunta de Galicia a través de O teu Xacobeo, a convocatoria posta en marcha polo Goberno galego co obxectivo de involucrar a todos os galegos na celebración do vindeiro Ano Santo.

Durante a presentación, o titular de Cultura e Turismo sinalou que o peregrino “é o patrimonio humano do Camiño de Santiago” e que, do mesmo xeito que se fai co patrimonio natural ou cultural “debemos coidalo e preservalo”. Para conseguir este obxectivo, tal e como subliñou Román Rodríguez, é fundamental a colaboración de entidades como a Fundación Jacobea ou a asociación de amigos do Camiño de Santiago.

Nesta liña, o conselleiro da Xunta de Galicia puxo en valor a necesidade, tal e como fai o proxecto presentado, de conservar as historias, experiencias e testemuñas das persoas que percorren a Ruta Xacobea. “Estes relatos poden ser unha peza fundamental para a Galicia das vindeiras décadas e por iso o Plan Estratéxico do Xacobeo 21, a folla de ruta para a celebración do vindeiro Ano Santo, conta cunha liña de acción específica para conservar a memoria vencellada ao Camiño de Santiago”, explicou. O obxectivo desta liña de acción é que a documentación xerada pase a formar parte dun gran arquivo que axude a divulgar o patrimonio e o legado galego entre as futuras xeracións.

Na presentación de Memoria de los peregrinos interviñeron, ademais do conselleiro de Cultura e Turismo, a xerente e o presidente da Fundación Jacobea, Rosa Vázquez e Juan Luis Viñas, o presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, Paolo Caucci, e o xornalista especializado no Camiño de Santiago, Antón Pombo. Canda ao conselleiro tamén asistiron en representación da Xunta, a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, e a comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira.

Peregrinos de diversas nacionalidades

O proxecto presentado hoxe comprende a produción dun libro e un audiovisual con testemuñas das persoas que peregrinan a Santiago co obxectivo de darlles voz e recompilar as súas experiencias.

Trátase dun proxecto que, ademais, afonda na dimensión internacional do Camiño de Santiago, xa que están representados peregrinos de diversas nacionalidades que percorreron diferentes itinerarios xacobeos. Os seus relatos inciden no valor da cultura, patrimonio, arquitectura, gastronomía ou tradicións de Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/11/2019