A Xunta apoia os investimentos en transformación e comercialización de tres empresas ourensás produtoras de castañas

A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, visitou hoxe a cooperativa agraria Sofragal que grazas a subvencións dos dous últimos anos, cifradas en máis de 160.000 euros, construíu e equipou un centro de transformación deste produto

O Plan de recuperación dos soutos tradicionais permitirá dinamizar o rural e impulsar o sector da castaña especialmente na provincia de Ourense que concentra o 75% da produción deste froito en Galicia

Estas axudas enmarcanse na última convocatoria da Consellería de Medio Rural que destina preto de 3,9 millóns de euros para axudar a que 14 empresas ourensás executen proxectos de creación, ampliación e modernización das súas instalacións

Nogueira de Ramuín (Ourense), 28 de novembro de 2019

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, apoia con 240.000 euros a tres industrias da provincia de Ourense dedicadas á produción de castañas, ao abeiro da orde de axudas para investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios. A delegada territorial en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou unha delas emprazada no parque empresarial de Nogueira de Ramuín e aproveitou para destacar o peso do sector da castaña na provincia de Ourense, que concentra o 75% da produción deste froito en Galicia.

Durante a visita á cooperativa agraria Sofragal, Marisol Díaz puxo en valor o traballo realizado polos seus socios desde o ano 2013, ano en que iniciaron a actividade, por xestionar de forma conxunta as case 15 Has. de castaños que permitiu rendibilizar esta superficie. Ao fío disto, a delegada territorial puxo en valor o Plan de recuperación dos soutos tradicionais que permitirá dinamizar o rural e impulsar o sector da castaña.

Díaz Mouteira salientou que a estratexia do departamento dirixido por José González pasa por manter a propiedade dos soutos nos habitantes das aldeas e buscar fórmulas de tipo cooperativo ou asociativo que permitan o agrupamento para a súa xestión de forma conxunta. Isto, matizou, permitirá xerar emprego e valor engadido no rural galego ao impulsar o sector transformador da castaña.

Durante a visita Díaz Mouteira coñeceu o proxecto que desenvolveu esta cooperativa grazas aos apoios autonómicos cifrados en máis de 160.000 euros que supoñen un investimento de preto de 360.000 euros. Ata agora soamente se dedicara á produción e recolección de castaña e este ano creou unha nova industria de transformación deste produto para a obtención de castaña deshidratada pelada e fariña de castaña. Prevese que logo destes investimentos, en cinco anos, Sofragal xestione case 21 hectáreas de soutos e obteña unha colleita de 50.000 quilos de castaña que posibiliten comercializar 15.560 quilos de castaña deshidratada pelada e 2.470 quilos de fariña de castaña.

Con cargo á liña de axudas para investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios na provincia ourensá resultaron beneficiadas 14 empresas cun investimento de preto de 3,9 millóns de euros que se destinarán á execución de proxectos de creación, ampliación e modernización das súas instalacións que supoñen un investimento total de máis de 12 millóns de euros.

Das 14 industrias da provincia beneficiadas destes apoios, que son cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento rural (Feader), ademais das tres dedicadas ao sector da castaña, cinco son cárnicas, dúas dedícanse á produción de de patacas, outras dúas á mel, unha ao aceite e, por último, unha a pensos.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 28/11/2019