Conde sinala o desenvolvemento do sector biotecnolóxico como exemplo da aposta de Galicia pola innovación e pola mellora competitiva do tecido empresarial

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá en Santiago de Compostela no foro Empresas Galegas do século XXI

Subliñou o compromiso da Xunta coa biotecnoloxía, a través dunha estratexia que xa permitiu mobilizar 186,2M€ e crear 18 empresas

Avanzou o impulso que recibirá o polo biotecnolóxico de Santiago coa posta en marcha, en 2020, da Business Factory Pharma

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2019

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá, en Santiago de Compostela, no foro Empresas Galegas do século XXI, organizado polo Grupo Correo Gallego, onde destacou o desenvolvemento da biotecnoloxía como exemplo da aposta que a Xunta, da man do sector, está a facer pola innovación e pola mellora competitiva do tecido empresarial.

Así, Conde, que explicou que Galicia é a terceira Comunidade con maior creación de empresas biotecnolóxicas, subliñou que esta industria permite dinamizar sectores tradicionais e incrementar a competitividade das empresas galegas.

O conselleiro puxo en valor os fitos conseguidos pola Estratexia de impulso á biotecnoloxía que, desde 2016, xa logrou mobilizar 186,2M€, crear 18 novas empresas, facturar 323M€ e xerar 240 novos empregos. Ademais, avanzou que os orzamentos de 2020 recollen o compromiso co desenvolvemento do polo biotecnolóxico en Santiago a través de diversas accións como a posta en marcha dunha nova aceleradora no eido dos fármacos, a Business Factory Pharma.

Na súa intervención, Conde subliñou o esforzo por contar cunha Galicia cada vez máis innovadora e explicou que o gasto en I+D aumentou en 2018 nun 3,3%, alcanzando os 591M€, a cifra máis alta de toda a serie estatística; mentres que o persoal investigador incrementouse nun 3,6%, chegando ás 10.631 persoas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/11/2019