A provincia de Ourense acolle catro obradoiros duais de emprego que imparten especialidades forestais para formar a 80 desempregados de 13 concellos

A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, participou na apertura dun deles, ‘Caldelas V’, promovido pola agrupación de concellos de Castro Caldelas, Montederramo e A Teixeira

Este taller ofrece tamén formación e emprego en técnicas de albanelería aos 20 alumnos participantes

En total, a Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste na provincia ourensá 5,2 millóns de euros no desenvolvemento de 17 obradoiros, tres deles xuvenís

Castro Caldelas (Ourense), 28 de novembro de 2019

A Consellería de Economía, Emprego e Industria ven de pór en marcha o obradoiro de emprego Caldelas V promovido polos concellos de Castro Caldelas, Montederramo e A Teixeira e no que participan 20 alumnas e alumnos que se formarán en repoboacións forestais e tratamentos silvícolas e técnicas de albanelería. Este taller é un dos catro obradoiros de emprego que este ano se desenvolven na provincia ourensá especializados no eido forestal, que tiveron prioridade xunto a aqueles proxectos destinados á conservación, reforma e posta en valor das rutas de peregrinación delimitadas do Camiño de Santiago.

A estes catro súmanse outros dez obradoiros duais de formación e emprego que a Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa na provincia ourensá e que se están a poñer en marcha estes días. Marisol Díaz lembrou que xunto cos 14 obradoiros ordinarios, se están a desenvolver outros 3 obradoiros de emprego para menores de 30 anos, a través do Sistema de Garantía Xuvenil, para seguir impulsando o emprego entre a mocidade. En total, a Xunta destina case 5,2 millóns de euros para cofinanciar o desenvolvemento destes 17 talleres, enmarcados na Axenda 20 para o Emprego, que formarán a 321 persoas en situación de desemprego.

Os participantes neste taller de formación e emprego dual poderán combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas, de como mínimo tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou no acto de inauguración desta iniciativa de emprego na que a Xunta investiu 336.000 euros co obxectivo de seguir formando aos desempregados para incrementar as súas posibilidades de reinserción no mercado de traballo, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación das empresas da contorna”. Os obradoiros forman parte do compromiso da Xunta coa formación, xa que, segundo a delegada territorial, esta é a chave que pode abrir as portas a un futuro de oportunidades laborais.

Durante os meses de duración deste programa mixto de formación e emprego o alumnado en Castro Caldelas construirá unha balsa para aprovisionamento de auga co uso de extinción de incendios no monte veciñal en man común A Matanza (Serra de San Martiño) e no terreo Portorregueiro en A Eirexa (parroquia de Mazaira) e desenvolverá traballos de repoboación forestal e tratamentos silvícolas en Outeiro, Grazan, Tapadas Novas, Portorregueiro, Portela, Fonteiriña, Grulos, Porteleiro, Val, Tapada da Bouza, Lameiriño, Espiñeira, Peneliña e na finca A Devesa. En Montederramo levarán a cabo a construción dunha balsa no alto do Valisco e traballarán na repoboación forestal e tratamentos silvícolas do monte comunal Serra de San Mamede. Por último, na Teixeira os participantes crearán dúas balsas para aprovisionamento de auga Cascalla (parroquia de Celeiros) e Cimadevila (parroquia de Lumeares), ao tempo que realizarán labores de repoboación forestal e tratamentos silvícolas no Monte Pedreira e no Monte Pedra do Sol.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/11/2019