Feijóo reitera que Galicia non renunciará á totalidade dos 700 M€ que lle debe o Goberno central e propón varias solucións para que as Comunidades conten coa mensualidade do IVE de 2017 antes de fin de ano

Di que a primeira opción é a de solicitar ao Goberno central que habilite o financiamento previsto para compensar todas as cantidades do IVE a todas as Comunidades Autónomas antes do 30 de decembro

Expón que a segunda fórmula é que o Goberno central asuma un incremento transitorio do seu endebedamento, e que se endebede polo mesmo importe que a débeda do IVE

Solicita a convocatoria do Consello de Política Fiscal e Financeira, no que se pedirá abordar a aprobación a Galicia dos incentivos polo seu bo desempeño fiscal nos anos 2017 e 2018, por importe de 170 millóns de euros, tamén pendentes de pago

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2019

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reiterou hoxe que Galicia non renunciará á totalidade dos 700 millóns de euros que lle debe o Goberno central e avanzou que a Comunidade galega proporá varias solucións para que as comunidades e as entidades locais conten coa mensualidade do IVE de 2017 antes de que remate o ano.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo reiterou que dos 700 millóns, ata o momento, Galicia tan só recibiu 167 millóns de euros. E o único que garante o Goberno central, a través dun Real Decreto Lei, son as entregas a conta: 334 millóns de euros que “estaban comprometidos para este mes de novembro”, rexeitando pagar os 200 millóns da mensualidade do IVE de 2017 e os 170 millóns dos incentivos.

Diante disto, Feijóo trasladou dúas posibilidades para regular a modificación do sistema do IVE. Como primeira opción, a proposta de solicitar ao Goberno central que habilite o financiamento previsto para compensar todas as cantidades do IVE a todas as Comunidades Autónomas antes do 30 de decembro, para o que hai diversos mecanismos: a modificación orzamentaria –dando de baixa e de alta a distintas partidas dos orzamentos prorrogados do Estado-; ou volver outra vez a completar o Real Decreto Lei, algo que “seguimos dicindo que é perfectamente posible”.

Como segunda posibilidade, o presidente da Xunta expuxo a opción de que o Goberno central asuma un incremento transitorio do seu endebedamento, e que se endebede polo mesmo importe que a débeda do IVE. E, posteriormente, unha vez que habilite o mecanismo legal axeitado, deixe sen efecto esa débeda, como consecuencia de que mediante un axuste contable, o IVE sería igual á débeda que o Goberno central subscribiría e transferiría ás Comunidades.

“Esta fórmula é moi sinxela: o Goberno central emite débeda pública polo importe do IVE que debe ás Comunidades Autónomas; transfire ese importe ás Comunidades; e posteriormente, na primeira lei que pase polas Cortes Xerais, xera crédito a través do IVE que xa ten recadado, e por ese mesmo importe amortiza a débeda”, explicou sobre a segunda das solucións.

Así mesmo, no caso de que o Goberno central “non faga caso a ninguén”, Feijóo anunciou que o asunto se levará ao Parlamento.

“E tamén pedimos, claramente, a convocatoria do Consello de Política Fiscal e Financeira”, dixo, subliñando que tamén se pedirá que se inclúa na orde do día un punto específico para abordar a aprobación a Galicia dos incentivos polo seu bo desempeño fiscal nos anos 2017 e 2018, por importe de 170 millóns de euros, tamén pendentes de pago. “Non soamente non nos pagan, senón que non nos falan”, aseverou.

Nesta liña, o titular do Goberno galego incidiu en que este asunto “está empezando a producir unha tensión innecesaria de aqueles que pensamos que o Estado das autonomías ten que arranxar os seus problemas internamente”, e subliñou que Galicia está actuando “con lealdade” e está propoñendo fórmulas, como as expostas hoxe.

“Espero e desexo que isto por fin se poida desbloquear, porque se non é así imos pechar un ano moi complexo, con débedas, con liñas de tesourería e coa imposibilidade de cumprir os prazos de pagamento que vimos acostumando”, dixo, e lembrou que Galicia é a Comunidade Autónoma que paga as facturas en menor tempo, pero agora “nos está custando xa non pagalas en menor prazo, senón pagalas”; “e non é xusto”, concluíu.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/11/2019