O PIB de Galicia medrou un 1,7% en taxa interanual no 3º trimestre do ano e acumula seis anos en positivo

O incremento en taxa trimestral foi do 0,3%, o mesmo comportamento que o trimestre anterior

No terceiro trimestre creáronse 8.118 empregos a tempo completo

O crecemento da economía galega sustentouse no forte aumento do gasto en consumo final, que rexistra un crecemento do 3,3%, o maior desde 2007

Os datos do IGE mostran a fortaleza da demanda interna, cun crecemento do 2,9%

Todos os sectores medraron agás a industria e as exportacións volven a taxas positivas tras tres trimestres de caída

A ralentización da formación bruta de capital anticipa que as empresas aprazan investimentos pola situación de incerteza en España

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2019

O Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia medrou un 1,7% en taxa interanual no terceiro trimestre do ano, ao tempo que se crearon neste período 8.118 novos empregos a tempo completo, segundo as Contas económicas trimestrais publicadas hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Os datos da primeira estimación publicados polo organismo estatístico autonómico mostran que, co dato do terceiro trimestre, o PIB galego acumula seis anos (25 trimestres consecutivos) con taxas positivas. O crecemento trimestral –sobre o trimestre anterior- foi do 0,3%, o mesmo que o anterior, polo que a economía galega acumula 27 trimestres consecutivos con taxas positivas.

O crecemento da economía galega entre xullo e setembro sustentouse no forte aumento do gasto en consumo final, que rexistrou un crecemento interanual do 3,3%. Este é o maior incremento deste indicador desde 2007, e débese tanto ao incremento do gasto en consumo final tanto dos fogares (3,3%) coma das administracións públicas (3,5%). Pola contra, a formación bruta de capital –que recolle os investimentos do sector empresarial– ralentizou o seu crecemento ata o 1,6%, o que parece anticipar que as empresas están aprazando investimentos pola situación de incerteza en España.

Ademais, todos os sectores que conforman o PIB –salvo a industria– rexistraron un comportamento positivo. O maior crecemento rexistrouse no sector servizos (2,6%) , seguido da construción (1,7%) e o sector primario (0,2%), mentres que a industria descendeu un 0,6%, aínda que moito menos que o trimestre anterior (2,1%), e cun avance do 4,1% da industria manufactureira.

Os datos do IGE indican tamén que o comportamento positivo da demanda interna –medrou un 2,9% en taxa interanual- compensou a evolución negativa da demanda externa. Non obstante, as exportacións recuperan taxas positivas, do 0,8%, tras tres trimestres caendo, o que apunta a un cambio de tendencia.

En todo caso, a economía galega continuou creando emprego no terceiro trimestre do ano. A evolución do emprego foi positiva en todos os sectores, agás no primario, cun crecemento do 0,8% e a creación de 8.118 postos de traballo a tempo completo.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Facenda
Data de actualización: 28/11/2019