Medio Ambiente anuncia a resolución dos últimos trámites para entregar oito novas vivendas de promoción pública en Ourense

A conselleira Ángeles Vázquez visitou hoxe as obras doutros cinco pisos cuxa construción está xa rematada ou a piques de facelo e subliñou que, en total, a cidade das Burgas sumará en breve 16 novas VPP ao seu parque público

Nos últimos 10 anos o investimento neste concello tanto a través de actuacións directas por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo como de axudas para actuar nas súas catro Áreas de Rehabilitación Integral supera os 24 millóns

O centro histórico de Ourense foi un dos beneficiados pola compra pública de inmobles deteriorados ou en estado de abandono a través do Programa Rexurbe

Ourense, 29 de novembro de 2019

O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) xa está en disposición de entregar ás familias adxudicatarias un total de oito novas vivendas de promoción pública (VPP) no barrio ourensán de Covadonga. Así o anunciou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen realizou unha visita a Ourense para coñecer en primeira man o estado dalgunhas das actuacións en materia residencial que ten en marcha o seu departamento nesta cidade.

Tras supervisar cinco vivendas na rúa Vilar, dúas das cales xa están completamente rematadas mentres que as tres restantes só están pendentes dalgunhas probas e ensaios para proceder á súa recepción, Vázquez Mejuto explicou que o Concello acaba de conceder a licenza de primeira ocupación das oito VPP executadas en Covadonga, polo que unha vez cumprido este trámite imprescindible, o IGVS xa pode tramitar a entrega das mesmas ás oito familias que resultaron adxudicatarias. Son pisos de tres dormitorios nos que a Xunta realizou un investimento dun millón de euros.

En total, como explicou a conselleira, o IGVS ten en marcha 16 novas vivendas protexidas en Ourense, que se incorporarán ao parque municipal residencial da cidade. Deste xeito e unha vez completadas as obras da rúa Vilar e das tres vivendas que se obterán da rehabilitación dun edificio na rúa Cervantes, os ourensáns terán á súa disposición 84 VPP.

Ademais das actuacións directas do IGVS en materia de rehabilitación e obra nova neste concello, Ángeles Vázquez tamén subliñou os 9,2 millóns mobilizados nos últimos anos a través de sucesivas convocatorias de axudas para acometer actuacións nas catro áreas de rehabilitación integral da cidade: Casco Histórico; Núcleo de Seixalbo; Polvorín, Camelias e Carballeira; e barrios Serra de San Mamede, Cruceiro Quebrado e A Inmaculada.

Neste sentido, lembrou que o próximo ano o seu departamento seguirá apostando e facilitando as intervencións nas ARI de toda Galicia, un capítulo ao que se reserva nos orzamentos de 2020 unha partida de 6,5 millóns e ao que poderá volver a optar Ourense.

Rexurbe en Ourense

Por outra banda e despois de lembrar a aposta decidida pola rehabilitación do xa construído que está a facer a Xunta en toda a comunidade, a conselleira de Medio Ambiente explicou que no centro histórico de Ourense o programa Rexurbe xa empeza a avanzar a bo ritmo.

Así, lembrou que o obxectivo deste programa, cuxa primeira convocatoria se fixo no ano 2018, é adquirir e rehabilitar inmobles localizados en zonas históricas de determinados concellos, previamente escollidos, co fin de destinalos a demandantes de vivenda protexida. No caso concreto de Ourense, explicou que este ano e no marco deste programa, o IGVS adquiriu tres inmobles e nestes momentos está a tramitar a formalización da compra dun cuarto edificio.

Na rehabilitación destes inmobles, a Consellería de Medio Ambiente ten previsto investir máis de 2,5 millóns de euros co obxectivo de obter 12 novas vivendas de protección pública na cidade, que se sumarán ás 84 VPP xa mencionadas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/11/2019