A conselleira de Educación presentou hoxe o avance dos resultados do estudo correspondente aos titulados do curso 2013-2014
Increméntase a inserción laboral dos másteres ao tempo que se reduce o tempo que tardan os titulados en atopar traballo

Tamén aumenta o salario medio das persoas que cursan estes estudos, que acada o valor máximo desde que existen estudos

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2019

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presentou esta mañá o avance de resultados do Estudo da Inserción Laboral dos Titulados en Másteres no Sistema Universitario de Galicia 2013-2014, elaborado pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG). Deste informe dedúcese un incremento da porcentaxe de persoas que está a traballar tras a rematar estes estudos, ao tempo que se reduce o tempo que tardan os titulados en atopar traballo e se incrementa o salario medio.

O informe presentouse esta mañá nunha rolda de prensa na que tamén participaron a presidenta da ACSUG, Patrocinio Morrondo, e o director desta entidade, Eduardo López Pereira. Segundo o estudo, o 76,5% traballaba no momento da realización da enquisa, o que supón un incremento de 2,7 puntos respecto do estudo anterior. Así mesmo increméntase en 2,4 puntos a porcentaxe de titulados que está a desenvolver algún traballo relacionado co máster, que neste estudo ascende ao 58%, “a maior porcentaxe desde que se rexistran datos”, tal e como sinalou Pomar.

Un 90,9% dos enquisados traballaron nalgún momento desde que remataron o máster, porcentaxe que se divide no devandito 76,5% e un 14,4% que non traballa no momento de realizar a enquisa pero si o fixo nalgún momento desde que rematou. Tan só un 9,1% dos titulados non traballaron en ningún momento desde que obtiveron o título.

Por ramas de coñecemento, os mellores resultados en canto ao acceso ao emprego preséntanos as ramas de Enxeñaría e Arquitectura, Ciencias Sociais e Xurídicas e Ciencias da Saúde. Na primeira, un 95,7% dos titulados traballou nalgún momento desde a finalización do máster, e ata un 84,7% traballaba no momento de realización da enquisa. Nas ramas de Ciencias da Saúde e Ciencias Sociais e Xurídicas, estas porcentaxes sitúanse por enriba do 90,0% para os que traballaron tras rematar o máster, e no 81,6% e no 74,6% para os que contan cun emprego actualmente.

Pola súa banda, a rama de Ciencias, ao igual que acontecía no estudo precedente, é a que presenta unha menor inserción desde a fin do máster presentando un 17,0% de titulados que non traballaron, aínda que o 73,1% o fan no momento da enquisa. En calquera caso, en todas as ramas a porcentaxe de enquisados que traballa no momento de ser entrevistados é superior á do estudo anterior.

No referido á modalidade de contratación, a meirande parte dos enquisados, o 88,8% traballa por conta allea e só un 11,2% o fai por conta propia. Deles, o 40,9% ten un contrato fixo (0,8 puntos máis ca no estudo anterior), o 43,7% temporal, o 10,1% de bolseiro e o 5% en prácticas.

Tempo en atopar emprego

O tempo medio en atopar emprego da poboación titulada en másteres no SUG no curso académico 2012-2013 reduciuse ata os 7,21 meses, acadando o valor máis baixo de todos os estudos feitos ata o momento. Os titulados que acceden máis axiña ao mercado laboral son os da rama de Enxeñaría e Arquitectura (5,69 meses) e Ciencias (7,21 meses); mentres que os titulados en Artes e Humanidades son os que máis tardan (8,36 meses).

Cómpre destacar que en todas as ramas de coñecemento se produce unha redución no tempo medio para atopar emprego, que oscila entre o 0,7% da rama de Ciencias Sociais e Xurídicas e o 13,7% da rama de Ciencias da Saúde, mentres que na rama de Ciencias a redución é do 9,5%.

Salario

No referido ao salario medio (neto), no estudo presentado hoxe ascende a 1263,53 euros, acadando un máximo con respecto aos estudos anteriores. “Isto supón un incremento no salario medio que perciben os titulados en másteres do SUG do 6,4% desde o primeiro informe realizado”, sinalou a conselleira. Por ramas de coñecemento, o salario medio máis alto é o de Enxeñaría e Arquitectura (1411,72 €), seguido do de Ciencias da Saúde (1302,68 €), Ciencias Sociais e Xurídicas (1230,08 €), Ciencias (1173,17 €) e Artes e Humanidades (1139,09 €).

O intervalo salarial que máis titulados concentra, ao igual que nos estudos previos, é o de 1.001 a 1.400 euros, onde a porcentaxe é dun 32,9%, significando un incremento do 2,4% respecto ao precedente. Así mesmo, a porcentaxe de enquisados que cobran un salario inferior aos 1.101 euros redúcese ata o actual 33,6%. A distribución de salarios dos restantes titulados ten niveis similares a informes anteriores, manténdose o segmento de traballadores con salarios superiores aos 1.800 euros por enriba do 14,0% e o de traballadores que perciben máis de 2.200 euros no 5,2%.

Se se compara o salario despois de rematar o máster co dos traballos anteriores a realizalo, incrementouse en 226,59 euros de media.

Lugar de traballo

Un 82,6% da poboación titulada en másteres no SUG traballaba en Galicia no momento da realización da enquisa, mentres que o 13,4 o facía fóra de Galicia pero nalgún outro lugar do Estado, e o 4% fóra de España.

Aínda que en todas as ramas de coñecemento a maioría dos enquisados traballaba en Galicia, a maior porcentaxe de titulados que traballaba fóra dáse na rama de Ciencias (21,6%).

Respecto de estudos anteriores non existen diferenzas relevantes neste aspecto aínda que no estudo presentado hoxe se detectou unha maior presenza de poboación titulada en másteres que traballan fóra da nosa Comunidade Autónoma.

Valoración global

Os bos resultados acadados tras realizar o máster fan que o 76,2% dos titulados (moi similar ao 77,1% do estudo anterior) estea satisfeito con estes estudos, de tal xeito que as tres cuartas partes dos titulados volverían realizar o máster.

Por ramas de coñecemento, coa excepción da rama de Ciencias (64,9%), en todas as ramas de coñecemento estas porcentaxes atópanse por riba do 74%, oscilando entre o 74,2% da rama de Artes e Humanidades e o 78,4% de Ciencias Sociais e Xurídicas.

Mostra

Un dos principais valores dos estudos de inserción laboral da ACSUG é a amplitude da mostra coa que se realizan. Para este entrevistouse a un total de 1867 persoas, o que representa un 63,8% da poboación total de titulados no curso 2013/14 nestas ensinanzas.

As entrevistas realizáronse en decembro de 2016, aproximadamente dous anos e medio despois de rematar os estudos, mediante enquisa telefónica asistida por ordenador (CATI). O número de másteres analizados ascende a 172, cunha media de 17 estudante por cada un deles.

Terceira acreditación da ACSUG

Durante a súa intervención a conselleira aproveitou para felicitar á ACSUG por ter acadado recentemente a acreditación da Asociación europea de certificación da calidade (European Networt Quality Assurance , ENQA) por terceira vez consecutiva. Esta renovación prodúcese tras pasar a ACSUG por una auditoría moi exhaustiva realizada por máis unha comisión internacional de expertos. A avaliación realizouse en marzo deste ano e a ACSUG foi aceptada de novo como membro de pleno dereito na Asemblea Xeral de ENQA celebrada en outubro en Armenia.

Cómpre sinalar que pertencer a ENQA, así como estar recoñecidas no Rexistro de Agencias Europeas de Calidade (EQAR), son requisitos indispensables para que as entidades como ACSUG poidan verificar e acreditar títulos universitarios.

A ACSUG superou con sobresaliente esta terceira evaluación de ENQA, que destacou no seu informe os seus valores como axencia acreditadora de calidade universitaria, o feito de estar asentada e ser respectada no Sistema Universitario de Galicia (SUG) ou a boa integración dos procesos de avaliación. Así mesmo destacouse que o papel de ACSUG na mellora da calidade universitaria é altamente valorado por todos os involucrados: universidades, profesores, estudantes e empregadores, así como o valor da galega no ámbito internacional como axencia avaliadora.

Neste sentido cómpre sinalar que a ACSUG é a primeira e única, ata o momento, axencia de calidade española que acredita titulacións en diversas universidades de Latinoamérica, cun recoñecemento expreso do Goberno de Perú para acreditar as súas universidades. A isto cabe engadir tamén acreditación en países como Kazajistán, Kirguistán e Tayikistán. Ademais, un técnico da axencia galega está a participar na acreditación da axencia de calidade universitaria de Turquía. En Galicia, esta entidade leva avaliados máis de 1700 títulos para o SUG.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/11/2019