Medio Ambiente estudará colaborar co sector cinexético nun proxecto piloto de seguimento da poboación de arceas en Galicia

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, reuniuse con representantes da Federación Galega de Caza e do Club de Caza de Becada, entidades que traballarán xuntas na investigación sobre esta especie migratoria

A intención é elaborar un censo estimado dos exemplares que visitan cada ano a comunidade e facer unha campaña de anelamento en zonas previamente escollidas

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2019

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda analizará a posibilidade de colaborar, directa ou indirectamente, nun proxecto piloto de investigación para levar a cabo un seguimento das arceas que recalan cada ano en Galicia dentro do seu ciclo migratorio. Trátase dunha iniciativa do sector cinexético, concretamente do Club de Caza de Becada, que contará para o seu desenvolvemento co apoio e a axuda da Federación Galega de Caza (FGC), a encargada de garantir a difusión e a colaboración no estudo dos tecores de Galicia.

Así llo trasladaron á directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, o presidente da FGC, Javier Nogueira Diz, e máis o presidente do Club de Caza de Becada, Jesús Muñoz Martínez. Durante a xuntanza, os responsables de ambas entidades explicaron que a arcea ou becada é unha ave migratoria orixinaria de Eurasia –sobre todo de Rusia- que desde hai anos recala en Galicia a finais do outono e durante o inverno, en busca de hábitats máis favorables para pasar a estación.

O estudo, de carácter pioneiro en Galicia pero que xa conta con precedentes e bos resultados noutras comunidades españolas, enmarcaríase no interese do sector pola conservación da biodiversidade e o equilibrio natural a través dun aproveitamento cinexético sustentable dos recursos dispoñibles.

Neste sentido, Jesús Muñoz explicou que entre os obxectivos do proxecto figura analizar e monitorizar a tendencia poboacional das arceas na comunidade, seleccionando nunha primeira fase varias zonas de estudo nas que se teña constatado a existencia de exemplares co fin de verificar a súa evolución a curto prazo e establecer comparativas, por exemplo, entre a poboación presente en zonas de caza e en reservas protexidas.

O proxecto desenvolveríase durante un período de catro anos e aínda que os traballos de monitorización porán o seu foco de atención nas arceas, tamén se pretende incluír nel a outra especie da mesma familia, a becacina, de tamaño máis pequeno e cunhas áreas de cría e invernada similares.

Así mesmo, nunha segunda etapa da investigación pretenden realizar xornadas de censo sobre o terreo, ás que se lle daría continuidade cunha campaña de anelamento de exemplares de ambas especies durante a súa migración invernal. De igual xeito, tamén se valorará a colocación nalgúns exemplares de pequenos transmisores vía satélite –no marco do proxecto Scolopax sen fronteiras- para coñecer as rutas migratorias desta especie.

A colaboración da Federación Galega de Caza no proxecto tamén será clave xa que permitirá recompilar a través dos seus socios información e datos reais sobre posibles avistamentos de arceas e becacinas durante as xornadas de caza.

Ambas entidades contarán para levar a cabo este traballo coa axuda e apoio dunha aplicación informática implementada polo Club de Cazadores de Becada español na que xa existen datos recompilados sobre a súa presenza noutros puntos do país.

Do Campo, pola súa parte, comprometeuse a analizar con detalle a proposta e a estudar como podería implicarse a Consellería de Medio Ambiente nalgunha das súas fases de execución, para o que emprazou aos responsables de ambas entidades a remitirlle o antes posible o proxecto completo.

Cómpre lembrar que a Xunta colabora desde hai moito tempo coa FGC, a entidade máis representativa do sector en Galicia, mediante a sinatura de convenios de colaboración anuais cos que se busca promover actividades de divulgación entre os seus asociados para difundir e fomentar os valores medioambientais vencellados á actividade cinexética, tales como o respecto e o coidado do patrimonio natural.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/11/2019