Educación analiza co concello de Vilanova de Arousa novas colaboracións para a mellora do CEIP de Tremoedo

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra mantivo unha reunión con responsables do grupo de Goberno local e da dirección do centro

José Manuel Cores Tourís recordou que nos últimos anos, a Xunta investiu case 223.000 euros neste colexio e máis de un millón de euros no total dos centros de Vilanova
 

Pontevedra, 29 de novembro de 2019

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo hoxe unha reunión con representantes do concello de Vilanova de Arousa e da dirección do CEIP San Bartolomé de Tremoedo, co obxectivo de analizar as obras a realizar o próximo ano neste centro.

Na reunión tamén estivo presente o xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares.

Durante o encontro, analizáronse as necesidades deste colexio e a posibilidade de que a Xunta e o concello de Vilanova de Arousa volvan a colaborar para continuar traballando en cuestións como os aseos que aínda quedan por reformar, mellorar a eficiencia enerxética ou as fiestras.

O delegado territorial recordou que a colaboración co concello de Vilanova de Arousa deu os seus froitos con obras como as realizadas no presente ano no CEIP Viñagrande de Deiro, onde se reformaron os aseos da planta alta, ou as reformas das redes de desaugues e arquetas do CEIP Xulio Camba.

José Manuel Cores Tourís recordou que nos últimos anos, a Xunta de Galicia destinou case 223.000 euros a obras no CEIP San Bartolomé de Tremoedo, onde se realizaron obras como a reposición do peche exterior, a reforma de fiestras, o cambio de cuberta ou a reforma de varios de varios aseos ou a pavimentación das pistas deportivas.

En total, a Xunta leva investidos nos distintos centros educativos de Primaria e Secundaria deste concello máis dun millón de euros, continuando coa aposta da administración autonómica pola mellora da calidade educativa.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/11/2019