Sanidade insiste na prevención como a mellor estratexia contra a infección polo VIH e a sida

Nos últimos seis anos estase a apreciar unha tendencia á diminución da incidencia de VIH en Galicia pasando de 225 casos en 2012 a 123 no ano pasado

Dende o ano 2009 invístense máis de 50 millóns de euros anuais na atención de pacientes galegos infectados polo VIH, dos cales o 60 % son gastos en fármacos antirretrovirais

Con motivo do Día Mundial da Sida distribuirase material preventivo e divulgativo en centros sanitarios e educativos, institucións penitenciarias, ONGs e outras entidades colaboradoras

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2019

A Consellería de Sanidade lembra a importancia da prevención como estratexia fundamental para controlar a infección polo VIH e a sida, con motivo do Día Mundial da Sida que se celebra mañá, 1 de decembro. Dende o departamento sanitario insístese na importancia das condutas preventivas, ante a ausencia dunha vacina preventiva e de tratamento curativo.

Precisamente en relación con esta data, a Consellería de Sanidade ven de publicar o seu Informe VIH-sida e outras ITS (infeccións de transmisión sexual) en Galicia 2019.

O informe mostra que no período 2004-2018, Galicia presentou unha incidencia de infección polo VIH de 66,9 casos ao ano por millón de habitantes, por debaixo da incidencia anual española que é de 103 infeccións.

Nos últimos seis anos estase a apreciar unha tendencia á diminución da incidencia de VIH en Galicia pasando de 225 casos en 2012 a 123 no ano pasado, estando sempre por baixo dos 70 casos ao ano por millón de habitantes. No ano pasado concretamente foron 46 casos por millón de habitantes.

Dende que se diagnosticou o primeiro caso de sida en Galicia, en 1984, e ata 2018 diagnosticáronse 4.245 casos máis. Entre 2004 e 2018 rexistráronse 2.772 diagnósticos de infección polo VIH, cunha media anual de 185 infeccións.

En canto ao patrón epidemiolóxico da transmisión do virus, predomina a vía sexual cun 7 % dos casos, tanto en homes como en mulleres. No caso dos homes, un 51,7% dos casos presentan, como vía de transmisión, as relacións sexuais con outros homes, seguida pola transmisión heterosexual que representa o 27,5 % dos casos.

Campañas de prevención e sensibilización

Os datos recollidos no informe resaltan a necesidade de seguir impulsando actividades para conseguir mellorar o diagnóstico precoz entre a poboación e os profesionais sanitarios. Esta é unha cuestión prioritaria para obter o máximo beneficio, individual e colectivo, dos avances na prevención e o tratamento da infección polo VIH.

Así, dende o ano 2009 invístense máis de 50 millóns de euros anuais na atención de pacientes galegos infectados polo VIH, dos cales o 60 % son gastos en fármacos antirretrovirais. En 2018, había 5.486 persoas a tratamento antirretroviral, cun gasto nestes fármacos de 30.431.794 €. Cómpre destacar tamén o programa de probas rápidas como unha das campañas preventivas máis importantes no fomento do diagnóstico precoz do VIH en Galicia. Estas probas empregan unha mostra de saliva, son gratuítas, anónimas e están accesibles a través de entidades colaboradoras situadas nas catro provincias. Dende o comezo das probas, en 2011 e ata 2018, fixéronse en Galicia un total de 6.785 probas, das que 103 foron positivas, un 1,5%.

Outra das medidas adoptadas é a posta en marcha, dende este luns, do protocolo do programa de implementación da profilaxe pre-exposición (PrEP) ao VIH na nosa Comunidade. Trátase dunha intervención biomédica dirixida a previr a transmisión da infección por este virus en persoas seronegativas que teñen un elevado risco de contraer a infección. A pauta, aprobada pola Axencia Europea do Medicamento, consiste na administración diaria dunha pílula, que contén dous fármacos antirretrovirais. Sanidade subliña que a oferta da PrEP debe acompañarse dun paquete de medidas preventivas dirixidas a mellorar a adherencia e a adoptar comportamentos de menor risco.

Ademais, vaise facer unha distribución de material preventivo e divulgativo a todos os centros de ensinanza secundaria, nos cursos de 3º e 4º da ESO e formación profesional de Galicia, nos centros de atención primaria e nos hospitais do Sergas. Tamén nas unidades de asistencia á drogodependencias, institucións penitenciarias, centros Quérote+ e numerosos concellos e entidades privadas sen ánimo de lucro que colaboran co Plan galego anti VIH/sida e outras ITS ao longo do ano.

Sanidade ten varias campañas preventivas que promoven o sexo seguro. Entre elas, inclúense as de difusión de mensaxes preventivas a través de redes sociais como Sex Invaders en Facebook e Instagram, a web www.itsinvaders.com e as campañas de YouTube e de Wapo que é unha app de contactos entre homes. A estas iniciativas hai que engadir o Programa de promoción do preservativo, que distribúe gratuitamente este material a través de entidades colaboradoras e o Programa Xente con Don, iniciado no curso 2016-2017, e que se ofertou aos centros de ensinanza secundaria e de formación profesional de Galicia.

A Consellería de Sanidade tamén desenvolve o Programa de intercambio gratuíto de xiringas e o Programa de venda subvencionada de kits de inxección hixiénica que reduciron dun xeito importante a aparición de novos casos de VIH asociados á vía de compartir material de inxección de drogas.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 30/11/2019