A Xunta pagará na primeira quincena de decembro axudas da PAC por importe de case 123 millóns de euros

Corresponden sobre todo a pagos directos e, en menor medida, a achegas para zonas con limitacións naturais

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2019.- O Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), organismo pagador dos fondos europeos adscrito á Consellería do Medio Rural, realizará ao longo da primeira quincena de decembro pagos por importes próximos aos 123 millóns de euros da PAC correspondentes á campaña de 2019.

Deles, máis de 105 millóns corresponden ao saldo de axudas directas (desacopladas e gandeiras) e case 18 millóns á medida 13 de desenvolvemento rural (referida ás axudas para zonas con limitacións naturais).

As liñas de axudas directas denominadas “desacopladas” son o pago básico, o pago verde, mozos e pequenos agricultores, do que se paga o 95% do total solicitado, agás no caso dos pequenos agricultores, que recibirán o 100%. Das liñas gandeiras pagaranse os conceptos de vacún de carne e vacún de leite, e os gandeiros recibirán o 90% do importe total solicitado.

Cabe sinalar que Galicia é unha das primeiras comunidades autónomas españolas en pagar anticipos da PAC na campaña de 2019, co abono de 37 millóns de euros nestas liñas a metade do pasado mes de outubro. Desta forma, para este ano o Fogga persegue o obxectivo de pagar importes próximos aos 160 millóns de euros, dos que se beneficiarían un total de 27.000 solicitantes das axudas da PAC.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/11/2019