Medio Rural solicita a inclusión de oito clons híbridos no rexistro de variedades comerciais de castiñeiro

Estes clons súmanse ás 23 variedades tradicionais galegas que xa están incluídas neste rexistro

A Consellería desenvolve no CIF de Lourizán un novo programa de mellora para a obtención de patróns e clons para madeira con tolerancia ás enfermidades da tinta, do cancro e da avespiña chinesa
 

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2019

A Consellería do Medio Rural, a través do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, vén de solicitar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a inclusión de oito clons híbridos entre o castiñeiro europeo e o xaponés no Rexistro nacional de variedades comerciais de castiñeiro.

Este rexistro inclúe variedades destinadas á produción de castaña, que poden ser portaenxertos, produtores directos de castaña ou ben variedades enxertadas. Así, os clons da solicitude promóvense como portaenxertos resistentes á enfermidade da tinta e compatibles ao enxerto coas variedades tradicionais de castiñeiro. Ademais, dous deles tamén se empregan como produtores directos de castaña temperá do mes de setembro. Polo tanto, todos eles están aprobados como clons para a produción de madeira dende o ano 2007, tras a solicitude do Centro de Lourizán e reprodúcense dende hai moitos anos en numerosos viveiros galegos.

No Rexistro de variedades comerciais de castiñeiro están xa incluídas, dende o ano 2016 e 2017, un total de 23 variedades tradicionais galegas como a amarelante, de parede, garrida, famosa etc. Os clons híbridos incluídos na solicitude proceden dos programas de mellora de castiñeiro por resistencia á enfermidade da tinta desenvolvidos en Galicia a mediados do século pasado, seis deles son obtencións do fitopatólogo Pedro Urquijo.

Dende o ano 2010, no Centro de Lourizán estase a desenvolver un novo programa de mellora para a obtención de patróns e clons para madeira con tolerancia ás enfermidades da tinta, do cancro e da avespiña chinesa, con maior adaptación ás condicións do interior de Galicia, seca estival e xeadas. Con este obxectivo crúzanse as variedades tradicionais máis adaptadas á continentalidade, como a amarelante, garrida e longal, cos mellores híbridos para crear novos clons cun menor tempo de crecemento no castiñeiro xaponés.

Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 30/11/2019