A Xunta formaliza o contrato para executar as obras de mellora do saneamento público nas parroquias de Sendelle e Ameixeira, en Crecente, por un importe de 400.000 euros

Este contrato ten un prazo de execución de 6 meses e o seu obxectivo é dotar dunha nova rede de colectores a estes núcleos, que na actualidade carecen dunha rede de saneamento axeitado

En Ameixeira construirase unha nova rede que conducirá as augas residuais á EDAR da Cañiza, e en Sendelle executarase un colector principal

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén prestando o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2019

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de formalizar esta semana as obras de mellora do sistema de saneamento público nas parroquias de Sendelle e Ameixeira, no concello de Crecente.

Este contrato, adxudicado á empresa Hordescon, SL, contará cunha achega de preto de 400.000 euros e dispón dun prazo de execución de 6 meses, a contar desde o seu inicio.

Esta actuación ten como obxectivo executar unha nova rede de colectores nesta parroquias ao carecer na actualidade esta parroquias dunha rede de saneamento axeitado.

Segundo o proxecto definido neste contrato, en Ameixeira executarase unha nova rede de saneamento que conducirá as augas residuais á EDAR da Cañiza. A rede proxectada estará formada por un colector principal, con tres derivacións e un colector secundario independente do anterior. Instalarase tamén un grupo de bombeo coa súa correspondente tubaxe de impulsión, que conducirá o efluente ata o pozo de entrada da EDAR da Cañiza.

Os traballos na parroquia de Sendelle prevén a execución dun colector principal. Para iso reconstruiranse 102 metros dun tramo de rede de augas pluviais afectado pola construción do colector principal, así como 6 conexións á rede de saneamento de augas residuais existentes.

Esta intervención permitirá dar servizo a unha poboación estimada de 119 habitantes equivalente para o ano horizonte 2043 e está cofinanciada a través do FEADER no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) Galicia 14-20.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén prestando o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local

Data de actualización: 30/11/2019