Román Rodríguez anuncia que o luns se abrirá a nova liña de axudas de embelecemento do Camiño para concellos e particulares

O conselleiro de Cultura e Turismo e o alcalde de Lalín visitaron hoxe unha intervención piloto realizada no lavadoiro de Botos

A liña de axudas posta en marcha polo Goberno galego forma parte do Plan Estratéxico do Xacobeo 21 e está dotada con 1,2 millóns de euros

Permitirá a restauración de bens do patrimonio etnográfico galego e actuarase en elementos que xeren un forte impacto paisaxístico, entre outras accións

As intervencións realizaranse a partir do 1 de xaneiro de 2020 e o Executivo autonómico subvencionará o 75% do investimento realizado polos beneficiarios
 

Lalín (Pontevedra), 30 de novembro de 2019

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o alcalde de Lalín, José Crespo, visitaron hoxe o lavadoiro de Botos, no Concello de Lalín, onde a Fundación Juana de Vega está a realizar unha intervención piloto no marco do Plan de Embelecemento do Camiño de Santiago posto en marcha pola Xunta de Galicia.

Durante esta visita, o titular de Cultura e Turismo anunciou que o luns se abrirá a nova liña de axudas de embelecemento do Camiño de Santiago á que se poderán presentar entidades locais e persoas físicas ou xurídicas. Trátase dunha acción que se inclúe no Plan Estratéxico do Xacobeo 21 e que está dotada con 1,2 millóns de euros.

En virtude deste proxecto, acometeranse iniciativas como a restauración de bens que integran o patrimonio etnográfico galego na contorna da Ruta Xacobea, actuacións en elementos que xeren un forte impacto paisaxístico nos diferentes itinerarios ou a substitución de elementos de mobiliario urbano deteriorados ao longo dos trazados, entre outras actuacións.

Investimento e beneficiarios

As axudas do Plan de Embelecemento do Camiño de Santiago dividiranse en dúas categorías en función do solicitante. Así, a primeira delas permitirá financiar un mínimo de 40 actuacións propostas por entidades locais, nas que se inclúen os concellos de Galicia polos que discorre algún tramo do Camiño ou calquera entidade supramunicipal galega (deputacións, mancomunidades...) sempre que teñan competencias para a actuación proposta. Terá unha dotación de 600.000 euros.

A segunda categoría irá dirixida a persoas físicas e xurídicas privadas titulares dun dereito real sobre un ben moble, inmoble, recurso ou elemento situado no Camiño de Santiago ou os arrendatarios dos citados bens. Neste apartado inclúense, ademais, comunidades de propietarios, asociacións de veciños ou comunidades de montes veciñais en man común. Así pois, financiaranse un mínimo de 60 actuacións nesta categoría que contará cunha dotación de 600.000 euros.

Entre os obxectivos do Goberno galego a través desta iniciativa destacan os de ofrecer a mellor versión de Galicia aos visitantes e contribuír a unha Galicia máis verde e próspera, favorecendo a protección e posta en valor dos distintos Camiños, aumentando a concienciación e sensibilidade sobre a Ruta Xacobea e fomentando a colaboración cidadá xunto coas administracións públicas neste eido. Trátase dunha actuación que a Xunta pon en marcha ás portas dun acontecemento como o Xacobeo 21, onde está previsto un notable incremento no fluxo de peregrinos, un colectivo que destaca como un dos principais atractivos do Camiño a Súa riqueza paisaxística.

Cinco ámbitos de actuación

As actuacións deberán realizarse a partir do 1 de xaneiro do 2020 sobre bens físicos situados no ámbito de protección do Camiño de Santiago ou no seu campo visual e o Goberno galego financiará o 75% das intervencións. En concreto, poderán acollerse a estas axudas actuacións incluídas en cinco ámbitos. O primeiro deles refírese a intervencións sobre elementos etnográficos e a súa contorna e inclúe accións de valorización, mantemento, consolidación ou restauración de fontes, lavadoiros, hórreos, pontes, muíños, valados ou calquera outro elemento de carácter tradicional vinculado á paisaxe e a cultura do lugar.

O segundo contempla actuacións sobre casas e eiras, como melloras nas fachadas e nas cubertas empregando materiais propios da zona; mentres que a terceira liña abrangue intervencións no espazo agrario co fin de reducir o impacto visual que xeran elementos en desuso ou abandonados sen interese patrimonial ou paisaxístico como naves, silos ou casetas. As axudas do Plan de Embelecemento do Camiño de Santiago complétanse con actuacións para incorporar a vexetación como elemento integrador da paisaxe ou actuacións nos trazados do Camiño co fin de substituír elementos do mobiliario urbano que polo seu estado de deterioro ou as súas características físicas resulten alleas á contorna da Ruta Xacobea.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/11/2019